O patio de Infantil do colexio da Florida, en Sanxenxo, foi o espazo elixido pola asociación Stop Accidentes para plantar un arce branco en memoria das vítimas de accidentes de tráfico.
Fixérono días antes de que se conmemore o día mundial en recordo das vítimas de accidentes, que será o vindeiro domingo.
Así, o alumnado de Infantil e Primaria, xunto cos operarios de xardíns municipais, os profesores e o director do centro, participaron na plantación desta árbore como símbolo de vida e recordo dos falecidos.
"Este acto é unha forma de facer partícipe ao alumnado e ao centro que me consta traballa moito na educación viaria", destacou a representante de Stop Accidentes, Sandra Pérez.
A esta plantación simbólica asistiron os concelleiros de Educación, Nati Parada, e de Seguridade Cidadá e Emerxencias, Xoán Pérez.
Entregaron á representante de Stop Accidentes exemplares de "Aprende Seguridade Viaria co Poli Paco", un libro que segundo Parada "é un bo exemplo" do traballo en educación viaria realizado neste concello coa figura do Poli Paco como o "máximo expoñente".
Xoán Pérez, pola súa banda, engadiu que Sanxenxo leva anos apostando pola prevención e a formación nos centros educativos "porque estes nenos e nenas serán os condutores e os peóns do futuro e os que poden cambiar a estatísticas de tráfico".