A árbore de Nadal máis pequena do mundo está no Piñeiriño

O Salnés
06 de decembro 2024

Trátase dunha árbore dez veces máis fina que un cabelo humano e que desde este venres 6 está a amosarse no barrio de Vilagarcía de Arousa

A árbore máis pequena do mundo
A árbore máis pequena do mundo /

Un científico compostelán en Holanda conseguiu crear unha árbore dez veces máis fina que un cabelo humano, que desde este venres se exhibe no barrio do Piñeiriño, en Vilagarcía de Arousa.

Deste xeito, volven facer historia no mundo das árbores de Nadal microscópicas, segundo din os seus promotores.

Se o pasado ano sorprendeu a toda España cunha árbore natural de só dous centímetros creada pola artesá Marián García, este ano vai máis alá ao acoller a árbore de Nadal máis pequena do mundo, unha obra de enxeñería invisible ao ollo humano.

A historia desta nova fazaña comezou nunha comida de Nadal nun restaurante de Maastricht (Holanda), onde un grupo de científicos do laboratorio MERLN falaban sobre a árbore vilagarciá do ano pasado.

O científico compostelán Adrián Seijas, presente na conversa, propuxo o reto de superala.

Xunto coa súa compañeira Elisabetta, Seijas deseñou unha árbore completa, con estrela e bólas incluídas, que fabricaron nunha clean room mediante unha máquina de polimerización por dous fotóns.

O resultado: unha árbore tan diminuta que só pode verse cun microscopio electrónico, sendo dez veces máis pequena que o diámetro dun cabelo humano.

O científico galego decidiu que esta obra única tiña que estar en Vilagarcía, e contactou coa asociación veciñal Breogán para facerlles entrega desta xoia microscópica.

Microscopio para ver a árbore máis pequena do mundo
Microscopio para ver a árbore máis pequena do mundoBreogán O Piñeiriño

Desde este venres 6 de decembro, a nova árbore pode contemplarse no Piñeiriño, xunto á súa "irmá maior" de dous centímetros creada por Marián García, que o ano pasado xa fixera historia como a árbore natural máis pequena de España.