María Victoria Moreno naceu en Valencia de Alcántara, Cáceres, pero era moi nova cando se mudou a traballar a Pontevedra e xa non marchou, pois ficou namorada da cidade, da terra e da lingua.
Os últimos anos da súa vida residiu no número 15 da avenida de Vigo, un edificio, unha rúa e unha zona da cidade na que difícil era mentres ela vivía atopar veciños que non a viran pasear os seus cans ou parar a charlas cos seus amigos e 'cachorros' (como ela chamaba aos seus alumnos). Tras o seu pasamento en 2005, e con motivo da súa homenaxe co Día das Letras Galegas, o Concello quixo que xa ningún se esqueza de que alí foi onde viviu.
Desde este martes 1 de maio, unha placa recorda no portal: "Nesta casa viviu María Victoria Moreno". Ademais, como unha homenaxe á súa obra e ao amor á lingua galega que a caracterizou durante toda a súa vida adulta, engade a frase: "Se estou coa xente que amasa o meu pan e mais colle no mar os peixes da miña mesa, tamén quero falar con eles, falar a súa fala".
A placa é unha máis das homenaxes organizadas polo Concello de Pontevedra á figura da escritora e profesora e fíxose pública este martes cun acto sinxelo que contou coa presenza da súa filla, a súa neta e o seu viúvo, así como dos seus amigos e, a nivel institucional, o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; os concelleiros do grupo de goberno Alberto Oubiña, Luís Bará e Carmen Fouces; e representantes do Partido Popular de Pontevedra como Jacobo Moreira, María José Rodríguez Teso e José Luis Martín.
O acto pechouno unha interpretación do himno galego, pero, previamente, Carmen Fouces leu unhas verbas que lle fixo chegar o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, a quen lle foi imposible acudir ao acto. Nelas, recordou que María Victoria Moreno é a "protagonista absoluta neste ano en Pontevedra" e está a protagonizar actos que permiten "situala no lugar que debe ocupar dentro da cultura galega".
Lores considera que a súa produción literaria propia, as súas traducións, a súa docencia, o seu labor cultural, son chanzos dunha vida "entregada á supervivencia cultural de Galiza" a través dun labor abnegado e teimudo: "ensinar, prender a luz aínda nun escenario de tebras como o último terzo do franquismo, remar a prol do desenvolvemento humano e cultural das xentes da súa cidade, do seu contorno".
Destacou tamén que María Victoria Moreno foi "unha namorada de Pontevedra e das súas xentes" e que esta placa é "un tributo de homenaxe e identificación coa cidade que tan orgullosa se sente de tela tido como veciña, mestra".