'Aquí cántase' porá este venres a cantar a toda a cidade de Pontevedra polas rúas do centro histórico

Pontevedra
09 de agosto 2023

A actividade comezará ás 21 horas na Praza de Curros Enríquez este venres, 11 de agosto, para logo percorrer a Praza do Teucro, as escaleiras do Teatro Principal e a Praza de Santa María Maravallada organiza e acompaña musicalmente un evento que se converteu nun dos máis agardadas do verán pontevedrés, onde a música popular e tradicional é a protagonista

Ensaio de 'Aquí cántase'
Ensaio de 'Aquí cántase' / Concello de Pontevedra

'Aquí cántase' regresa un ano máis para reivindicar o canto tradicional e popular como unha festa colectiva.

Organizado pola asociación cultural Maravallada, 'Aquí cántase' preséntase como unha actividade de promoción desas melodías galegas que foron pasando de xeración en xeración.

Se desenvolverá o venres, 11 de agosto, a partir das 21 horas.

'Catro vellos mariñeiros', 'A Carolina', 'Fisterra', 'Sementeira' ou 'O estraperlo' serán algunhas das cancións que calquera persoa que se achegue até as prazas escollidas para os diferentes pases poderá cantar, pois este é un evento libre, unha cita que quere contar con quen queira gozar da música popular e tradicional. Maravallada repartirá as letras como vén sendo habitual.

Nesta nova edición, haberá un cambio no percorrido que Maravallada e toda a xente participante viña facendo nos últimos anos. Isto é debido a coincidencia co Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra, que ocupa a Praza da Ferraría.

Deste xeito, o percorrido que se levará a cabo é o seguinte: o encontro dará comezo ás 21.00 horas na Praza de Curros Enríquez; logo trasladarase até a Praza do Teucro (21.45 horas). Despois pasarase por diante do Teatro Principal (22.30 horas), para rematar preto da media noite na Praza de Santa María.

Doutra banda, e como actividade paralela, ao longo da tarde deste venres a Treboada Virxe do Alivio de Tomiño percorrerá as rúas da cidade animando á xente a participar na cita da noite. O músico Anxo Xesteira volverá facer de director musical durante a mesma.