Aqueles tempos cando os pontevedreses eran refuxiados

Pontevedra
26 de abril 2016

O proxecto, titulado "O Miño: solidariedade sen fronteiras", desenvolverase na provincia de Pontevedra, Melgaço e Valença

Fronteira de Pontevedra con Portugal
Fronteira de Pontevedra con Portugal / Juan Mejuto

Agora que Europa vive unha crise cos refuxiados compre lembrar que en Pontevedra tamén se viviu unha situación similar, non hai moito tempo.

A Deputación de Pontevedra, as Cámaras Municipais de Melgaço e Valença, a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO) e o Instituto de Estudios Miñorans (IEM), poñen en marcha o proxecto "O Miño: Solidariedade sen Fronteiras".

Trátase dun proxecto transnacional dirixido á poboación xuvenil coa finalidade de sensibilizar sobre a memoria histórica facendo fincapé en como milleiros de galegos cruzaron o río fuxindo da guerra, da fame, da miseria e da represión e daqueles que arriscaron as súas vidas para abastecer á provincia de alimentos e medicamentos. 

O proxecto tamén vai contribuír á reparación e recuperación da memoria individual e colectiva das persoas represaliadas e refuxiadas da Guerra Civil Española, renderlles unha homenaxe ás vítimas e un recoñecemento ó pobo portugués.

Así, desenvolveranse uns obradoiros didácticos dirixidos ó alumnado de 17 anos de institutos de Pontevedra, Valença e Melgaço, tamén se desenvolverá un certame aberto de investigación, e un foro de debate para a posta en común dos resultados.

Outra das actuacións será unha exposición itinerante dos camiños da solidariedade e un encontro cultural pola memoria e a paz que pretende agradecer a solidariedade e refuxio do pobo portugués coas persoas represaliadas da Guerra Civil Española.

Arquivado en