O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, saíu este xoves ao paso das críticas recibidas polo goberno municipal, por parte dos sindicatos do Concello -co apoio de PP e PSOE-, pola súa negativa a renovar a relación de postos de traballo (RPT).
Fernández Lores sostén que esta pretensión supoñería unha subida "encuberta e xeralizada" dun 10% para todos os traballadores municipais, que sería "ilegal", segundo o rexedor.
Lembrou que "se aprobe ou non" o orzamento municipal para 2024, o salario dos funcionarios do Concello aumentará un 9,5% -sumando os tres últimos anos-, o máximo que permite o acordo asinado polo Goberno central e os sindicatos
Incrementar ese 10% de soldo a maiores, que é o que segundo Lores custaríalle ás arcas municipais as peticións sindicais para esta nova RPT, supoñería un aumento próximo aos 3 millóns de euros anuais na partida dedicada a persoal.
Esa subida, nas actuais condicións económicas, "non é asumible", reiterou o alcalde pontevedrés, xa que "significaría obrigatoriamente" a aprobar unha subida de impostos, entre elas un 20% máis no IBI ou un 70% no imposto de circulación, é dicir, a viñeta.
"Enmascaran a subida na RPT", sostivo Fernández Lores, que considera "lexítimo" que os sindicatos "queiran mellorar as condicións laborais" de todos os traballadores municipais, pero "cando non pode ser é imposible", engadiu.
O alcalde reiterou que "eu non vou a subir os impostos en base a peticións que están fóra de lugar", aínda que se mostra disposto a negociar cos sindicatos outro tipo de melloras, como o reforzo en determinados servizos municipais que están saturados de traballo.
Moito máis crítico foi Miguel Anxo Fernández Lores cos partidos da oposición, PP e PSOE,aos que acusou de ser "pouco serios" e de actuar con "hipocresía" porque non expoñen este mesmo aumento nas administracións nas que eles gobernan.
"Hai que saca a lingua a paseo cando están na oposición e no goberno non fan absolutamente nada", sentenciou Fernández Lores, que acepta que "teremos que aguantar o chorreo" por non aprobar unha subida xeneralizada dos salarios "expresamente prohibida" pola lei.