A sesión plenaria do luns no Concello de Bueu conlevou a aprobación dunha moción sobre a retirada do Plan de Ordenación do Espazo Marítimo que presentou o BNG. A agrupación nacionalista apoiada por ACB votaba a favor de instar o goberno español á retirada destes proxectos eólicos ao entender que afectan o sector do mar. O PP e o PSOE votaron en contra.
Nesta petición reclaman ao goberno de Pedro Sánchez que a costa galega sexa unha zona excluída da eólica mariña para garantir o futuro do sector pesqueiro, e a preservar este sector do mar e o futuro das familias que viven dos ingresos económicos que proporciona a actividade marítima.
Tamén se solicita a través da emenda ao Parlamento de Galicia que se retorne ao consenso unánime de 2009, para deixar a costa galega libre de eólica mariña. Neste sentido, reclaman á Xunta de Galicia a defensa do sector pesqueiro galego, loitando para que todo o litoral quede libre dos aeroxeradores mariños.
O concelleiro Xosé Leal explicou en defensa da moción que o BNG está a favor das enerxías limpas "pero non a calquera prezo, pois o mar é o noso sustento principal". Pola súa banda, Elena Estévez, portavoz do PP, xustificaba o voto en contra do seu partido sinalando que a moción entra en "certas contradicións, á parte de que non se propoñen alternativas nin solucións". Considera que é importante compatibilizar os usos do mar.
José Manuel Vilas, representante do PSOE, manifestou que debe existir unha convivencia entre o sector pesqueiro e as novas enerxías. E reclamou dar tempo ao plan estatal para "ver como funciona". Por último, Julio Villanueva, portavoz de ACB e vicealcalde, defendeu a súa postura favorable á moción tomando como referencia a Portugal: "eles xa saben o dano que fai un aeroxerador preto".
O debate concluíu coa intervención do alcalde Félix Juncal, explicando que "non é normal que Galiza teña a maior parte do terreo cheo de eólicos e é o momento de que ese plan se aprace e que se repartan as cargas". O tema sobre a presenza de eólicos no mar foi o único asunto de debate neste pleno ordinario.