Aproban cancelar as contas municipais en NGB se non devolven os cartos aos estafados polas preferentes

Pontevedra
06 de maio 2013

"Hai que ser valentes e consecuentes. Estamos marcando un paso novo". Así se refería o concelleiro socialista Agustín Fernández á moción consensuada por PSdeG-PSOE, BNG e PP de apoio aos afectados polas preferentes e subordinadas. Un acordo, ratificado por unanimidade nun pleno extraordinario, e que suporá cancelar as contas do Concello de Pontevedra en Novagalicia Banco se este non devolve o diñeiro estafado aos afectados

Momento no que se votou por unanimidade a moción para cancelar as contas de NGB
Momento no que se votou por unanimidade a moción para cancelar as contas de NGB / PontevedraViva

"Hai que ser valentes e consecuentes. Estamos marcando un paso novo". Así se refería o concelleiro socialista Agustín Fernández á moción consensuada por PSdeG-PSOE, BNG e PP de apoio aos afectados polas preferentes e subordinadas. Un acordo, ratificado por unanimidade nun pleno extraordinario, e que suporá cancelar as contas do Concello de Pontevedra en Novagalicia Banco se este non devolve o diñeiro estafado aos afectados.

Na exposición de motivos da moción, presentada polo grupo municipal socialista, Agustín Fernández explicou que impulsan este "paso adiante" porque desde o Concello "non podemos ser ambiguos e manter relación comerciais cos culpables desta estafa, mentres manifestamos o noso apoio aos afectados". Indicou que "temos que ser consecuentes" e que Novagalicia Banco "non pode seguir beneficiándose" da actividade económica municipal.

ÿ, dixo, "un punto de inflexión" nas medidas de apoio que se poden aprobar desde as institucións, coa que esperan que se consiga que "por fin se tomen en serio" aos afectados. "Temos que ser firmes e mandar unha mensaxe clara aos culpables", xa que entende que ata agora, "non conseguimos nada" malia "as mociones presentadas, as camisetas ou as manifestacións".

Neste mesmo sentido, César Mosquera asegurou que con esta decisión intentan trasladar "aos que teñen na man a solución a este problema" que se trata dun asunto no que "está implicada" toda a sociedade pontevedresa e demostrar, de forma clara, aos afectados "que estamos ao lado deles". Afirmou o edil nacionalista que "hai que romper por algún lado e había que tomar algunha medida como esta".

Todo iso sen deixar de culpar ao FROB da situación dos afectados. Tras sinalar que para NGB sería "infinitamente máis rendible" resolver este asunto e devolver o diñeiro aos estafados "que o custe que lle supón de imaxe, de retirada de depósitos ou de recursos", Mosquera reiterou que todo forma parte dunha estratexia calculada "para trocear o que queda do banco e se venda ao mellor postor".

Desde as filas do PP, Jacobo Moreira afirmou que a súa formación votaría a favor desta medida "porque así nolo pediron os afectados". Explicou que "non hai nin a máis mínima dúbida de que estamos con eles" e sinalou que é "importante" que os tres grupos estean unidos neste asunto. Ademais, solicitou ao goberno local que se firme un convenio co Colexio de Avogados para prestar asistencia letrada aos afectados que acudan á vía xudicial.

Na moción, que foi negociada previamente coa plataforma de afectados de Marín-Pontevedra, recóllese que se cancelarán todas as contas bancarias con NGB, coa única limitación de preservar os intereses municipais, se no prazo dun mes a entidade non inicia a devolución do diñeiro aos afectados. Trátase dunha medida que trasladarán á FEGAMP, á FEMP e ao FROB e que solicitan que adopten o resto de institucións.

Ademais, colocarase unha pancarta de solidariedade na casa consistorial da Praza de España, exprésase o apoio institucional do Concello á manifestación convocada para o próximo 10 de maio e o respaldo a calquera outra medida que colabore co obxectivo de "facer xustiza" cos afectados de preferentes e subordinadas.