Aproban a modificación do Plan Xeral para construír 220 novas vivendas e liberar zonas verdes en Campolongo

Pontevedra
06 de febreiro 2023

Trátase do proxecto urbanístico derivado do convenio co Instituto de Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa (INVIED), que completará a rúa Tablada e tamén permitirá conectar Rosalía de Castro con Manuel del Palacio. O convenio deberá ir ao pleno para a súa aprobación definitiva

Rúa da Tablada
Rúa da Tablada / PontevedraViva

A Xunta de Goberno Local aprobaba este luns 6 a modificación puntual do Plan Xeral de Planificación Urbanística para terreos situados entre Campolongo e Rosalía de Castro.

Trátase de zonas que forman parte do convenio asinado polo alcalde con Defensa, a través do Instituto de Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa (INVIED). Segundo explicaba Anabel Gulías, portavoz municipal, a cidade gañará un total de 10.000 metros cadrados para as persoas en zonas estratéxicas e case 4.000 metros cadrados na contorna de Rosalía de Castro.

Grazas a este convenio crearase unha praza entre Rosalía de Castro e Manuel del Palacio, coa posibilidade de construír 220 novas vivendas. Ademais, no acordo asinado con Defensa recóllese que o Concello obterá un novo local de 367 metros cadrados. O seguinte trámite será a aprobación en pleno para dar paso ao proxecto de urbanización.

CAMPO DE FÚTBOL DE SALCEDO

Tamén se avanzou na nova licitación do proxecto do campo de fútbol de Salcedo. Este luns tratábase a resolución definitiva e estaba previsto que, ao longo da xornada, comezase a tramitarse o proxecto de contratación.

Tras o proceso de preparación dos pregos para o proxecto, nas próximas semanas espérase que se licite. Anabel Gulías lembrou que a intención do goberno local é que este equipamento atópese en funcionamento no menor tempo posible.