Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas, anunciaba este xoves nas redes sociais que a Xunta de Goberno Local licitara a demolición do "mamotreto" de formigón pertencente ao Balneario da vila por un importe de 250.000 euros.
O vindeiro luns 26 de agosto, o Concello de Ponte Caldelas publicará na Plataforma de Contratos esa licitación para que as empresas presenten ofertas para levar a cabo o derrubamento.
Díaz sinala que este proceso durou os nove anos que leva na alcaldía.
Relata que durante tres anos foi necesario negociar co denominado "banco malo", o Sareb, a compra dos terreos.
Despois chegou a pandemia e foi necesario paralizar o procedemento durante dous anos.
Os trámites administrativos levaron tres anos con analíticas e informes vinculantes con Minas e con Sanidade, segundo relata Díaz, para obter a declaración de uso lúdico-termal da auga.
Despois iniciáronse as conversas con Augas de Galicia, durante dous anos, para lograr a autorización que permitira a demolición e o recheo dos terreos para devolvelos ao estado orixinal.
"Sácanche as ganas de facer nada! Diría miña avoa. Pero eu teño un empeño persoal con este proxecto", comenta Díaz nas redes sociais afirmando que o seu obxectivo é que Ponte Caldelas recupere o "esplendor termal que nunca debeu perder".
A estrutura de formigón construíuse arredor do ano 2008 coa intención de establecer unha estación termal.
As obras iniciáronse coa instalación de columnas, placas e muros pero nunca chegaron a finalizarse, quedando abandonadas.