A Xunta de Goberno Local do Concello de Poio vén de aprobar a tramitación de dous expedientes impulsados pola Concellería de Urbanismo que servirán para promover dúas actuacións de gran calado para a parroquia de Samieira. Trátase da realización da primeira fase da senda peonil que unirá a contorna da praia do Laño coa coñecida ruta dos muíños da localidade e da integración ambiental do ámbito da antiga escola de Tarrío.
Tal e como explica o edil do Gregorio Agís, o investimento total para levar a cabo ambas obras supera os 180.000 euros, financiados a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
A posta a punto no lugar de Tarrío contará cunha achega dun total de 95.000 euros. O proxecto contempla a renovación de pluviais e outros servizos básicos. Asemade, habilitarse unha superficie de empedrado, moi respectuosa coa contorna. Ademais, o espazo pasará a contar cun rocódromo e aparellas biosaudables, ademais de diverso mobiliario como bancadas e mesas de pedra. Estes elementos colocaranse en dúas áreas con pavicéspede.
“No seu día, este lugar foi un punto de encontro habitual entre a veciñanza e queremos que recupere ese status con esta reforma”, explica o edil de Promoción Económica e Urbanismo, que visitou a zona na mañá deste luns acompañado polo concelleiro de Obras e Servizos Municipais, o tamén socialista Julio Casás.
A maiores, quedou tamén aprobada a primeira fase da nova senda peonil á beira do rego da Feiría, que serviría para ofrecer unha conexión a pé entre a PO-308 e a ruta dos muíños de Samieira. “Crearemos, deste xeito, unha rede de camiños sostibles nunha contorna privilexiada e que atrae a un gran número de visitantes de xeito regular durante o ano, ao mesmo tempo que traballaremos no acondicionamento do regato, que nalgunhas zonas atópase bastante deteriorado”, apunta o edil do Goberno municipal.
Esta actuación contará cun orzamento de 85.130 euros. “Este proxecto suporá un antes e un despois no que a mobilidade na parroquia se refire, posto que ofrece unha conexión directa a pé entre a praia do Laño co núcleo de Samieira”, recalca Agís Gómez.
Tal e como figura na memoria elaborada polos técnicos municipais, os traballos realizaríanse ao longo duns 170 metros de extensión, centrándose na limpeza e acondicionamento do regato nalgúns tramos, así como o desbroce da senda. O edil de Promoción Económica e Urbanismo confía en que ambos proxectos, unha vez aprobados, poidan ser adxudicados no menor tempo posible, unha vez remate o concurso de licitación.