O Liceo Casino de Marín está agora máis cerca de converterse nun centro de lecer xuvenil. A Xunta de Goberno local celebrada este mércores deu luz verde ao proxecto de remodelación da planta baixa e o sótano do inmoble, por un prezo de licitación de 397.940 euros.
Esta inversión realizarase con cargo ao remanente de tesourería e axudará a adaptar as actuais instalacións, que datan de 1993 e ocupan case 1.700 metros cadrados. O soto será destinado ao arquivo municipal, que estará mellor catalogado e conservado, e contará cunha entrada única.
Terá unha zona de recepción propia xunto ás escaleiras existentes e prevese a instalación dun ascensor para facilitar tanto o acceso peonil como o traslado de cargas pesadas ao arquivo.
No caso da planta baixa, a día de hoxe existe unha distribución con usos como cafetaría, sala de baile, ximnasio e piscina.
Con este proxecto, readaptarase esa distribución para poder crear un amplo vestíbulo multiusos, unha sala de traballo e estudo, unha sala de informática e unha sala de xogos e descanso.