Aprobado o proxecto de reforma do pavillón polideportivo de Santo Antoniño

Barro
21 de abril 2023

O pleno extraordinario celebrado este xoves aprobaba este proxecto que contará cun orzamento de 393.000 euros e financiarase nun 85% pola Deputación de Pontevedra e nun 15% con fondos propios do Concello de Barro

Pavillón deportivo de Santo Antoniño, en Barro
Pavillón deportivo de Santo Antoniño, en Barro / Concello de Barro

A sesión plenaria extraordinaria celebrada este xoves no Concello de Barro permitiu a aprobación do proxecto de reforma do pavillón polideportivo de Santo Antoniño. A corporación tamén aprobaba a solicitude dunha subvención á Deputación de Pontevedra que permita financiar este proxecto a través do Programa provincial de Infraestruturas e dotacións singulares.

O proxecto de reforma presenta un orzamento de 393.000 euros e o financiamento correrá a cargo nun 85% pola Deputación de Pontevedra e nun 15% con fondos propios do Concello de Barro. 

A obra contempla a substitución total da cuberta, que actualmente filtra auga ao atoparse moi deteriorados os materiais da construción inicial. O mal estado actual xa non permite máis reparacións. Na nova cuberta instalaranse tamén paneis solares fotovoltaicos para ofrecer un servizo total eléctrico ao pavillón deportivo.

Tamén está prevista a substitución da caldeira actual de gasoil por unha bomba de calor; o cambio do sistema de iluminación por un sistema LED de última xeración; a renovación da pintura interior, melloras nos vestiarios e nos accesos a esta infraestrutura deportiva.

Xosé Manuel Fernández Abraldes, alcalde de Barro, mostrábase satisfeito por esta aprobación ao entender que esta reforma era fundamental nunha infraestrutura que xera dinamización deportiva e cultural no municipio.