Aprobado o proxecto de ordenación produtiva da aldea modelo de Mouteira-Parada

Cerdedo-Cotobade
24 de febreiro 2023

Esta aldea modelo destinarase principalmente á gandería en extensivo e aos cultivos agrícolas complementarios, xa que ofrece unhas condicións idóneas para esta finalidade. Como actividade secundaria, contémplase tamén a plantación de árbores para a obtención de froito e o aproveitamento apícola  

Capela en Cotobade
Capela en Cotobade / Dani Castellano

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres a resolución pola cal se aproba o proxecto de ordenación produtiva da aldea modelo de Mouteira-Parada, no concello de Cerdedo-Cotobade.

Esta aldea modelo destinarase principalmente á gandería en extensivo e aos cultivos agrícolas complementarios, xa que ofrece unhas condicións idóneas para esta finalidade. Como actividade secundaria, contémplase tamén a plantación de árbores para a obtención de froito e o aproveitamento apícola.

O obxectivo principal das aldeas modelo é devolver á produción terras con boa aptitude agronómica que se atopen en estado de abandono ou infrautilización. Búscase impulsar nova actividade económica agroforestal que non só fixe poboación e xere riqueza, senón que tamén reduza o risco de incendios forestais e mellore a calidade de vida dos veciños destes núcleos.

Cómpre sinalar que desde a entrada en vigor da Lei de recuperación -en maio de 2021- arredor de 10.000 hectáreas de terreo están sendo obxecto de desenvolvemento dun instrumento de recuperación de terra agraria, correspondentes a 21 polígonos agroforestais, a 21 aldeas modelo e a permutas impulsadas no concello de Friol, na provincia de Lugo. Ademais, a Consellería do Medio Rural destina neste 2023 un total de 5,9 millóns de euros para o desenvolvemento de instrumentos de recuperación da terra agraria, un 11% máis ca 2022. Deste motante, uns 4,4 millóns serán para actuacións en polígonos agroforestais e aldeas modelo.