Aprobado o Plan de Infraestruturas e Dotacións da parcela destinada ao novo centro de saúde de Caldas

Umia
29 de outubro 2021

Con este plan o Concello proponse facilitar a mellora da cobertura sanitaria, non só a nivel municipal senón tamén comarcal, suplindo as carencias do actual centro de saúde situado no Paseo Román López

Entrada á parcela do futuro centro de saúde
Entrada á parcela do futuro centro de saúde / Concello de Caldas de Reis

A Xunta de Goberno Local do Concello de Caldas de Reis aprobou inicialmente esta semana o Plan de Infraestruturas e Dotacións (PEID) para a ordenación da parcela de equipamento de sistema xeral E-151 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), na parroquia de Santa María, que acollerá entre outros equipamentos o novo Centro de Saúde que ten que construir a Xunta de Galicia.

Con este plan o Concello proponse facilitar a mellora da cobertura sanitaria, non só a nivel municipal senón tamén comarcal, suplindo as carencias do actual centro de saúde situado no Paseo Román López.

Este venres abriuse o prazo de información pública de dous meses e paralelamente xa foron solicitados todos os informes sectoriais precisos de diferentes administracións para a súa aprobación definitiva. No pasado mes de abril a Xunta formulou o informe ambiental estratéxico tras consultar diversas administracións afectadas.

A parcela reservada para o centro de saúde ten unha superficie de 4.192 metros cadrados cunha edificabilidade total de 6.288 metros cadrados. O Plan aprobado inicialmente establece a ordenación detallada da parcela dotacional e a regulación dos accesos e infraestruturas de servizos necesarios para garantir o seu axeitado establecemento e funcionalidade, garantindo a súa integración paisaxística e na trama urbana.

Complétase a conectividade e accesibilidade viaria e peonil dende a Avenida e Travesía Dona Urraca e dende o Camiño Portugués.

O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, valorou positivamente este novo paso na longa tramitación urbanística esixida para facer posible a construción do novo Centro de Saúde e recordou á Xunta de Galicia a necesidade de consignar xa nos Orzamentos do 2022 a cantidade suficiente para iniciar a súa construción no 2022 sen máis demoras.