Sanxenxo avanza no Plan Especial de Reforma Interior do PEI 17, situado na parroquia de Padriñán, na zona posterior ao templo novo. O desenvolvemento deste ámbito reactivouse, tras quedar paralizado en 2006, a finais do ano pasado con parte do acordo xa executado e coa firma da novación do contrato de compravenda das 3 parcelas ao Arcebispado. En total trátanse de 3 terreos de 2.144 metros cadrados, 280 metros cadrados e 4.168 metros cadrados.
O Concello deu esta mesma semana en xunta de goberno luz verde á aprobación inicial do Plan Especial de Reforma Interior do PEI-17 despois de que o documento pasase o trámite de avaliación ambiental estratéxica.
O plan especial do ámbito contempla 50 vivendas para a mocidade, 1.566 metros cadrados de zonas libres verdes públicas, un novo vial de 1.858 metros cadrados, 31 prazas de aparcamento públicas e 50 árbores. No documento estímase que o custo total da urbanización roldaría os 500.000 euros.
O PEI 17 enmárcase dentro dunha zona con outros dous ámbitos, o PEI 16 e o PEI 15, que cando inicien o seu desenvolvemento permitirá vertebrar toda a zona cun novo vial que comunicará Progreso coa Rúa dos Poetas Galegos, tal e como xa está previsto xa no PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal).
A este plan especial deberá seguir o proxecto de equidistribución, urbanización e, finalmente, a urbanización material do ámbito. Tras toda esta tramitación, deberase decidir que sexa o Concello o que promova as vivendas para a mocidade ou se encargue a Xunta de Galicia. En todo caso, o obxectivo do goberno é sumar ás vivendas de protección oficial que xa existen no municipio, en Baltar e en Progreso, esta nova bolsa que podería acoller ata 50 vivendas para mozos.
O Plan Especial de Reforma Interior do PEI 17 estará a exposición pública durante dous meses.