Aprobado o anteproxecto do novo emisario submarino da EDAR dos Praceres

Pontevedra
26 de xullo 2019

O Consello da Xunta aprobou este venres un trámite fundamental que permite á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade seguir avanzando de cara á contratación da obra. A actuación está dimensionada para dar servizo a unha poboación estimada de 141.204 habitantes equivalentes para o ano horizonte 2042  

Protesta da Plataforma Veciñal de Lourizán contra a proposta de instalar un novo emisario na ría
Protesta da Plataforma Veciñal de Lourizán contra a proposta de instalar un novo emisario na ría / Diego Torrado

O Consello da Xunta aprobou este venres un trámite fundamental que permite á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade seguir avanzando de cara á contratación da obra do novo emisario submarino da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Praceres, na ría de Pontevedra.

En concreto, aprobou o anteproxecto deste novo emisario submarino, que forma parte das intervencións de mellora de saneamento e depuración no sistema de Pontevedra, declaradas de interese da comunidade autónoma no Plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica Galicia-Costa.

Esta obra hidráulica exixe o preceptivo acordo do Executivo autonómico ao supor a adaptación do planeamento urbanístico municipal.

A obra hidráulica recollida no anteproxecto do novo emisario submarino da EDAR de Praceres dispón dun orzamento de máis de 12 millóns de euros e está cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80%, no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014/2020.

A actuación está dimensionada para dar servizo a unha poboación estimada de 141.204 habitantes equivalentes para o ano horizonte 2042 e pódese dividir en dúas actuacións principais: a obra terrestre, que se corresponde coa execución da cámara de carga e estación de bombeo a emisario, e o emisario submarino.

O anteproxecto que acaba de aprobar o Consello da Xunta incorpora varias modificacións co fin de dar solución ás cuestións suxeridas no proceso de información pública. Así, modifícase a localización da cámara de carga e da estación de bombeo a fin de reducir o seu impacto visual, deixando libre a fachada litoral, e tamén se incrementa a lonxitude do tramo inicial no túnel do emisario co fin de non afectar os bancos marisqueiros a pé de Praceres, sen que esta medida implique un incremento do volume de escavación.

A Xunta de Galicia lembra que paralelamente a esta actuación xa ten licitadas as obras de mellora do proceso de depuración da EDAR, que contan cun orzamento de máis de 16,5 millóns de euros, e que permitirán acadar un tratamento axeitado para as augas residuais de todos os concellos conectados.