Aprobado no pleno provincial un investimento de 2,5 millóns de euros para o consorcio contra incendios

Pontevedra
20 de maio 2023

A maior partida dos recursos, 1,6 millóns de euros, dedicarase á dotación dun vehículo de rescate e extinción en altura, dunha bomba urbana pesada e de tres vehículos de mando. Tamén desde a Deputación van investirse 150.000 euros nos festivais audiovisuais da marca Rías Baixas Film Fest

Carmela Silva presidindo o pleno da Deputación de Pontevedra
Carmela Silva presidindo o pleno da Deputación de Pontevedra / Deputación de Pontevedra

O pleno da Deputación de Pontevedra, celebrado este venres, aprobaba por unanimidade a modificación de crédito para financiar os novos investimentos destinados ao Consorcio Provincial contra Incendios e de Salvamento. 

O importe achégase aos 2,5 millóns de euros con cargo a remanentes da institución provincial do ano 2022. Con este diñeiro dotarase de novos vehículos, vestiario e material funxible ao Consorcio cuxo pleno xa aprobara estes recursos. Tamén se adquirirá maquinaria e manteranse mobles, inmobles e os vehículos.

Investiranse 1,6 millóns de euros na compra dun vehículo pesado de rescate e de extinción de incendios en altura que se destinará ao parque de Ribadumia; un BUP (bomba urbana pesada) para o parque de Bombeiros de Bueu e tres vehículos de mando.

Entre outros investimentos está previsto repoñer os edificios do Consorcio con 300.000 euros, adquirir maquinarias, ferramentas e instalacións eléctricas por valor de 189.000 euros e comprar traxes de intervención a través dunha partida de 187.000 euros.

150.000 EUROS PARA FESTIVAIS AUDIOVISUAIS

O FIC Bueu; o Curtas Festival do Imaxinarido de Vilagarcía de Arousa e Novos Cinemas de Pontevedra, que forman parte de márcaa Rías Baixas Film Fest, serán tres dos sete festivais audiovisuais da provincia que se verán beneficiados pola achega da Deputación de Pontevedra de 150.000 euros, aprobada pola Xunta de Goberno provincial.

Segundo a presidenta Carmela Silva o diñeiro distribúese "con criterios e bases obxectivas" dentro da marca que promove a Deputación co obxectivo de ofrecer unha imaxe propia e distintiva destes eventos culturais. 

O FIC Bueu recibirá 26.118 euros para a edición que se celebrará entre o 9 e o 23 de setembro deste ano. Unha cantidade de 18.968 euros irá destinada ao Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía, previsto entre o 27 de outubro e o 5 de novembro. Por último, entre o 12 e o 17 de decembro celebrarase o Festival Novos Cinemas de Pontevedra, que contará con 22.470 euros procedentes da institución provincial.