Aprobado inicialmente o PMUS de Pontevedra, cuxa exposición comeza unha xeira polos barrios

Pontevedra
05 de xullo 2022

Con esta aprobación por parte da Xunta de Goberno, iníciase o período de exposición pública que estará aberto até o vindeiro 31 de agosto para que as persoas interesadas presenten suxestións

Fernández Lores e Demetrio Gómez visitan na praza da Peregrina a exposición sobre o PMUS
Fernández Lores e Demetrio Gómez visitan na praza da Peregrina a exposición sobre o PMUS / PontevedraViva

A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobou este luns o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS). Esta aprobación inicial virá seguida un período de exposición pública que rematará o vindeiro 31 de agosto e no que as persoas interesadas poderán presentar as súas suxestións.

En rolda de prensa, a portavoz do goberno, Anabel Gulías explicou que se trata “un fito" porque é “un paso máis no modelo" de cidade e supón "a ruta a seguir nos vindeiros 10 anos".

O documento vivirá até o vindeiro 31 de agosto un proceso de participación activa con actividades dirixidas ás familias e conferencias abertas á veciñanza en distintos locais sociais da cidade (Leste, Burgo e Gorgullón).

Ademais, o concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, está a manter encontros sectoriais con distintas entidades e colectivos para presentarlle o documento e pedirlles que fagan suxestións.

O proceso de participación tamén consta dunha exposición itinerante que se inaugurou o pasado 22 de xuño na praza da Peregrina e que comeza a súa andaina por outros barrios da cidade.

Dende este luns estará na praza da Constitución, en Campolongo, onde permanecerá 15 días. A continuación seguirá por Barcelos, a pasarela, Monte Porreiro, a praza da Curtidoira e a praza da ponte do Burgo até finais de setembro.