Aprobadas propostas para mellorar A Parda e Monte Porreiro e promover a compra do antigo asilo para uso de residencia estudantil

Pontevedra
18 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Tamén se aprobaba por maioría no pleno de marzo celebrado este luns no Teatro Principal unha moción para instar á Xunta para que Pontevedra sexa declarada zona de mercado residencial tensionada que permita unha mellora de acceso á vivenda por parte da cidadanía, especialmente á mocidade

Rafa Domínguez (PP) e Iván Puentes (PSOE) entraron en debate durante o pleno
Rafa Domínguez (PP) e Iván Puentes (PSOE) entraron en debate durante o pleno / Mónica Patxot

"Esto es España, no es Venezuela" foi a frase máis rechamante do pleno de marzo en Pontevedra. Era pronunciada por Rafa Domínguez, portavoz do grupo municipal do Partido Popular, ao tratar cuestións sobre o alugueiro de vivendas. Producíase no pleno da corporación municipal que se celebraba este luns 18 no Teatro Principal de Pontevedra no que apenas houbo momentos broncos e aprobábanse as mocións presentadas polos grupos da oposición, PP e PSOE.

Desta forma, por unanimidade resultaba aprobada a moción popular na que se reclamaba a mellora dos servizos básicos no barrio pontevedrés da Parda. A concelleira Beatriz Rey denunciaba as fochas de gran tamaño, baldosas rotas, presenza de papeleiras rotas, falta de contedores, de iluminación e presenza de ratas nesta contorna.

A concelleira socialista Yoya Blanco manifestou tamén que esa falta de iluminación e limpeza é "un mal de toda a cidade", mentres que o concelleiro responsable de Limpeza Viaria, Xaquín Moreda, indicaba que esta zona está sometida a "revisión cotinua con actuacións extraordinarias". Xustificou, como realizaron desde as filas do BNG en practicamente todas as mocións, a falta de máis actuacións porque os grupos da oposición votaron en contra do orzamento para este 2024. En todo caso, admitiu que "calquera proposta que se faga será benvida" e os concelleiros do grupo de goberno votaron a favor, saíndo a proposta apoiada por unanimidade plenaria.

ACTIVIDADES PROMOCIONAIS EN MONTE PORREIRO

Tamén se aprobaba a moción popular relativa a establecer actividades de promoción económica para "ayudar a los negocios y atraer más comerciantes a Monte Porreiro", promovida pola edil Silvia Crespo, quen reclamaba a creación dun mapa comercial sobre produtos e servizos de comerciantes e hostalería do barrio; campaña de comunicación e dinamización feiral, ademais dunha mesa de traballo co sector empresarial.

O punto foi apoiado tamén por PSOE e BNG que, a través das concelleiras Yoya Blanco e Anabel Gulías, indicaban que a maioría das peticións xa existen desde o anterior mandato. Gulías afirmaba que  "aínda que o propoña o PP, o voto é favorable, pero sexan responsables despois e, cando haxa que votar modificacións de crédito, pensen nos veciños e veciñas e non nos seus intereses particulares aínda que as propostas veñan do BNG". 

ZONA DE MERCADO RESIDENCIAL TENSIONADA

Aprobábase tamén, cos votos en contra do PP, o punto proposto polo PSOE para instar á Xunta a que Pontevedra sexa declarada zona de mercado residencial tensionada. Iván Puentes, portavoz socialista, indicaba que existe un problema grave de acceso á vivenda na zona urbana, sobre todo para a mocidade, ao ser a cidade galega con menor oferta de vivenda de alugueiro, segundo recolle o INE e cunha media de compra de vivenda que alcanza os 161.000 euros con alugueiros que se sitúan en 552 euros ao mes.

O representante socialista pediu ás filas populares que, na votación, pensasen no "dereito básico a vivir nunha vivenda de calidade. Non pensen na especulación". 

A estas palabras contestaba Rafa Domínguez, portavoz do PP, que tanto o acceso á vivenda como a propiedade privada  "son ambos derechos fundamentales" e reclamaba unha novo PXOM, que o Concello constrúa vivenda pública e cambiar a lei estatal para evitar facilitar a ocupación de vivendas: "mucha gente no pone en el mercado sus pisos porque tiene miedo a que se le puedan ocupar".

Estas respostas foron contestadas desde as filas socialistas indicando que se necesitaba unha solución a curto prazo e Puentes pediu ao PP: "non pensen en salvar os mobles a Rueda e Ayuso e voten a favor desta moción". A resposta de Domínguez foi "esto es España, no es Venezuela" ao volver facer referencia á necesidade de priorizar ás persoas que teñen piso en lugar de elaborar unha lei "okupa" polo gobieno de Pedro Sánchez.

Puentes respondeu: "comparar isto con Venezuela xa se descalifica por si só" e ironizou coa retirada de competencias de Rafa Domínguez en materia de economía na vicepresidencia da Deputación:  "nin sequera é capaz de dominar algo tan básico como isto" recordando, además, que a medida impulsada na moción é "excepcional e temporal para intervir no mercado" e acusou aos populares de estar instalados nunha posición de "ultradereita, ultraliberal, na que vive secuestrado ou PP de Pontevedra".

O punto foi aprobado cos votos favorables de PSOE e BNG. O concelleiro nacionalista Alberto Oubiña indicaba no debate que xa en 2023 o alcalde anunciara un estudo para optar por esta vía.

 

PROMOVER A COMPRA DO ANTIGO ASILO

Por último, tamén era aprobada, cos votos en contra do PP, a moción socialista para crear unha praza pública no espazo que hoxe ocupan os edificios anexos do Hospital Provincial e unha zona verde equivalente a tres prazas da Ferrería nos xardíns do antigo asilo de anciáns de Loureiro Crespo, inmoble que propoñen adquirir para darlle un uso de residencia universitaria.

A moción defendida por Iván Puentes dirixíase directamente ao líder popular, Rafa Domínguez, por converterse "desde hai un ano no brazo útil para desmantelar o Hospital Provincial". O portavoz socialista xustificaba a necesidade de crear unha residencia de estudantes pública na cidade pero non no edificio do Hospital Provincial como promove o PP.  

Puentes lembrou que o edificio do antigo asilo está en "desuso, pechado e infratulizado" e por este motivo reclama que se promova a compra destas instalacións para que o Provincial poida seguir tendo un uso sociosanitario, que complemente ao Hospital Montecelo.

Eva Vilaverde, concelleira do BNG, mostrou o apoio do seu grupo a esta proposta: "nós temos toda a vontade de chegar a acordos para mellorar servizos para a Universidade", manifestou para insistir en que a oposición deixe de obstaculizar a gobernabilidade do Concello.

Rafa Domínguez pediu a retirada da moción a Iván Puentes ao entender que "nadie pidió" o edficio de Loureiro Crespo para uso universitario e, ademais, engadiu que hai unha empresa privada interesada en crear unha residencia. "Están ahuyentando inversiones en esta ciudad", afirmou sinalando que é "una irresponsabilidad clara".

Desde o PSOE, Puentes acusaba a Domínguez: "vostede defende os intereses dunha empresa privada e nós defendemos que ten que ser pública", mentres que Domínguez mantiña que a instalación desa residencia debe ser no Hospital Provincial.

O debate provocou a intervención de Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, para indicar que "estou encantado de que as empresas veñan a Pontevedra" e culpou á Xunta de non crear polígonos industriais. En canto ao uso do Hospital Provincial indicou que é necesario que este espazo debe servir para atender a pacientes crónicos de máis de oitenta anos. 

Domínguez contestou criticando que o goberno de Lores ten "degradados" os servizos sociais e que o Provincial "non ofrece garantías ni capacidad" para funcións hospitalarias. Preguntou a Iván Puentes tamén quen se encargaría de pagar a compra do antigo asilo ao que o representante socialista indicou que debería ser un investimento da Xunta, como responsable de Educación.

O punto foi aprobado por trece votos de BNG e PSOE fronte aos dez do PP.

Á sesión, como vén sendo habitual, asistiron representantes da xunta de persoal do Concello de Pontevedra cunha pancarta na que reclaman máis negociación e menos imposición por parte do goberno local.