A Xunta de Goberno Local do Concello de Pontevedra aprobou este xoves o expediente de licitación para realizar a reposición de todos os servizos, agás o de auga que está recentemente cambiado, na Rúa San Cristóbal de Estribela. Trátase dunha obra cun investimento de 199.226 euros.
Tamén aprobou outra obra en Monte Porreiro por valor de 175.903 euros. Concretamente, se van conectar varias vivendas á rede de saneamento nun treito da Rúa Dinamarca que linda coa Rúa Francia, na zona próxima ao centro da UNED.
Ademais o goberno local aprobou a compra por 50.000 euros dun camión con caixa aberta vasculante para a brigada de obras.
Nesta mesma Xunta de Goberno deuse luz verde ao convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra para o desenvolvemento de actividades culturais e de promoción da cidade. A cantidade contemplada neste convenio é de 132.000 euros, que corresponden aos sobrantes doutros acordos entre ambas administracións.
Tamén foi aprobada unha addenda para a ampliación de prazos ata maio de 2026, ao convenio entre a Axencia Turismo de Galicia e o Concello para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística de Pontevedra, que foi un dos elixidos polo Goberno Central e tivo unha inxección económica de fondos Next Generation de dous millóns de euros para levalo a cabo.
Neste caso, as obras afectan á conexión da Xunqueira de Alba coa Tomba e a mellora na iluminación da illa das Esculturas.
E, por último, quedaron aprobadas definitivamente as subvencións a 55 clubes deportivos da cidade correspondentes ao ano 2023. As do ano 2024 están en tramitación.