Aprobadas as alegacións á modificación puntual do PXOM de Poio

Poio
29 de xaneiro 2025

O pleno aprobou este martes por urxencia as achegas da veciñanza e dos grupos municipais presentadas ao documento tras dous meses de exposición pública

Pleno do Concello de Poio
Pleno do Concello de Poio / Concello de Poio

O Concello de Poio ven de incorporar as achegas da veciñanza e dos grupos municipais á modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

No pleno ordinario de xaneiro, celebrado este martes, aprobouse por urxencia incorporar ao texto as consideracións que realizan as técnicas respecto ás seis alegacións presentadas tras o prazo legal de dous meses, así como as correccións propostas pola comisión de urbanismo, con achegas de todos os grupos municipais.

Estas alegacións incorporaranse a un texto refundido que, posteriormente, terá que ser aprobado de novo polo pleno.

Estas alegacións afectan á altura máxima das edificacións auxiliares ou ao fondo máximo da parcela para inscribir o círculo de 15 metros de diámetro, entre outras cuestións.

As alegacións se responderán directamente ás persoas interesadas.

A modificación puntual do PXOM vai permitir adaptar as normas urbanísticas do municipio á lexislación vixente.

Desde o goberno local sinalan que "é importante avanzar o antes posible para ter unhas normas urbanísticas claras e completas, algo fundamental para a actividade económica, para a tranquilidade da veciñanza e para que Poio poida seguir crecendo".

Este documento permite completar unha serie de deficiencias e omisións do PXOM do ano 2000.

Ademais, tamén adaptará a norma urbanística á nova lexislación, como a Lei do Solo de Galicia do ano 2016, e define e regulariza usos que no seu momento non se recolleron, como sanitario, educativo, sociocultural ou deportivo.