Aprobada por unanimidade a construción do novo auditorio de Marín

Marín
12 de novembro 2021

Segundo destacou a alcaldesa de Marín, María Ramallo, trátase do "paso definitivo para construír a infraestrutura esencial e demandada desde hai anos pola nosa cidadanía que, por fin, será unha realidade que potenciará a dinamización cultural do municipio"

Futuro auditorio de Marín
Futuro auditorio de Marín

A construcción do novo auditorio de Marín será un realidade despois do aprobado por unanimidade no Pleno da Corporación deste xoves e iniciarán os trámites de licitación para conseguir unha empresa que se encargue de facer os traballos de construción.

Trátase do paso definitivo para construír a "infraestructura esencial e demandado desde hai anos pola nosa cidadanía que, por fin, será unha realidade que potenciará a dinamización cultural do municipio", destaca a alcaldesa, María Ramallo. "Despois de anos de traballo, estamos moi satisfeitos de ter chegado ata este punto, no que por fin podemos ver a cercanía das obras e notar como a construción do noso equipamento socio cultural será unha realidade", explicou.

O edificio estará integrado na Praza de España e será semisoterrado. Terá unha imaxe dinámica, moderna e integrada ca contorna, propoñendo un xogo de escamas como as do peixe, nun chisco ao mar e á cultura mariñeira, eixo do ADN social da vila marinense. O exterior do inmoble combinará tramos verdes, de cuberta vexetal; tramos de cristal e tramos de aceiro, todos eles materiais durables e de escaso mantemento.

Ademais, combinará instalacións de enerxía renovable con características arquitectónicas que minimicen o consumo enerxético, estando proxectado como un EECN (Edificio de Consumo de Enerxía Case Nulo). O inmoble contará con amplos aleros na zona sur, que xerarán sombras ao interior, evitando o efecto invernadoiro. Tamén utilizarán vidros de control solar para reflectir a enerxía do sol, controlando así a temperatura interna da infraestrutura. A iluminación no interior terá tecnoloxía tipo LED con sistema DALI.

Pola súa banda, a estructura interna contará cun patio de butacas cunha superficie de preto de 640 metros cadrados, con 550 localidades, e cun escenario de cerca de 220. O patio de butacas poderá dividirse en tres subespazos que poderán acoller tres visualizacións ao mesmo tempo. A maiores, o equipamento contará con catro aulas, tres de diversos tamaños e unha máis grande pensada para usos multidisciplinares; dous baños, sete camerinos, unha sala de audiovisuais e un almacén. Toda a planta sumará un espazo total de case 2.000 metros cadrados.

O orzamento da obra ascende a 4.308.400 euros e será cofinanciado con 2 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia e por outros 2 con cargo á estratexia Marín Dusi (cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea).