Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, informaba este venres de que a Xunta de Goberno da institución provincial aprobaba un orzamento de máis de 85.000 euros, dentro da liña 1 do Plan Concellos, para abordar as obras da primeira fase da senda peonil que se proxecta en Covelo, en Samieira, no municipio de Poio.
Esta obra establece un percorrido entre os muíños de Samieira e a praia de Laño realizando un roteiro polo litoral, segundo informou a máxima mandataria da provincia. Transcorrerá pola Beira do Rego na Freiría, conectando o roteiro tradicional dos muíños coa estrada autonómica PO-308.
Este proxecto encádrase na Rede de Camiños Sostibles e supoñerá un acondicionamento do cruzamento que, segundo Carmela Silva, nalgúns lugares do trazado atópase moi deteriorado actualmente.
Construirase unha ponte que cruce a marxe esquerda do río con estribos de cachotaría granítica e tamén se creará unha escaleira de acceso á PO-308, que contará con corenta metros de varanda de madeira.
Tamén anunciou que se instalarán sinais direccionales informativas con posibilidade de acceso a últimas tecnoloxías con códigos QR, que permitirán aos visitantes acceder a ligazóns con contidos explicativos sobre esta contorna de atractivo turístico.