Aprobada a fusión entre Cotobade e Cerdedo: nace un concello "viable" e con "vocación de futuro"

Cerdedo-Cotobade
22 de setembro 2016

A fusión entre Cotobade e Cerdedo xa é unha realidade. O Consello da Xunta aprobou este xoves o proxecto de decreto polo que se aproba a unión voluntaria destes dous municipios da provincia de Pontevedra. Trátase, segundo destacou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, do "último paso" dun procedemento que comezou hai uns meses

Rueda e Feijóo cos alcaldes de Cotobade e Cerdedo tras o anuncio da fusión
Rueda e Feijóo cos alcaldes de Cotobade e Cerdedo tras o anuncio da fusión / Xunta de Galicia

A fusión entre Cotobade e Cerdedo xa é unha realidade. O Consello da Xunta aprobou este xoves o proxecto de decreto polo que se aproba a unión voluntaria destes dous municipios da provincia de Pontevedra.

Trátase, segundo destacou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, do "último paso" dun procedemento que comezou hai uns meses. Con carácter inmediato, o goberno galego dará traslado deste decreto á administración do Estado e terá que ser publicado nos diarios e boletíns oficiais de ámbito provincial, rexional e nacional.

O municipio resultante desta fusión, que levará o nome de Cotobade-Cerdedo, terá 6.160 habitantes e será un concello "viable" e con "vocación de futuro", destacou o presidente galego, que engadiu que será tamén "máis forte", polo que poderá destinar máis recursos aos servizos públicos e menos diñeiro a cuestións burocráticas.

Feijóo felicitou aos 6.160 veciños do novo municipio, xa que avanzou que terán un acceso "prioritario" aos fondos e aos investimentos da administración autonómica e, practicamente, terán o dobre de orzamento para financiar os servizos públicos.

Con esta fusión, o mapa municipal galego queda en 313 concellos. Trátase, segundo o presidente da Xunta, dunha decisión que "envía varias mensaxes": que Galicia é a "única" comunidade na que se dan estes procesos de fusións voluntarias, que os beneficios son "directos" para os servizos públicos e que se aposta pola "cooperación" entre concellos.

"Haberá ou non concellos que copien este modelo e decidan fusionarse, pero todos están seguindo a decisión de compartir gastos e servizos" engadiu o titular do executivo galego, que lembrou que o 40% dos fondos que a Xunta reparte ás entidades locais van parar a proxectos compartidos entre dous ou máis municipios.