A aprobación do convenio e a RPT pon fin a case dous anos de conflito laboral no consorcio provincial de bombeiros

O Salnés
26 de febreiro 2025
Actualizado: 15:34

O acordo contempla numerosas melloras para os traballadores e para a prestación do servizo. Unha das principais é que se reforzarán os cadros de persoal

Pleno do Consorcio Provincial contra Incendios de Pontevedra
Pleno do Consorcio Provincial contra Incendios de Pontevedra / Deputación de Pontevedra

O Consorcio Provincial contra Incendios de Pontevedra, integrado pola Xunta e a Deputación de Pontevedra, conta desde este mércores co seu primeiro convenio colectivo para o persoal operativo do catro parques de bombeiros que dependen desta entidade (O Porriño, Bueu, Ribadumia e Vilagarcía).

Tamén se aprobou a Relación de Postos de Traballo (RPT) do servizo que actualiza as condicións laborais e económicas.

O Pazo Provincial acolleu este mércores o pleno do Consorcio Provincial que contou coa presenza de Luís López, presidente da Deputación de Pontevedra; o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; ademais dos representantes do comité de empresa e dos diferentes sindicatos.

O acordo contempla numerosas melloras para os traballadores e para a prestación do servizo. Unha das principais é que se reforzará o persoal. A nivel salarial, os bombeiros tamén verán melloradas as súas condicións ao terse en conta os aspectos como a perigosidade, a exposición a materiais tóxicos ou contaminantes, ou a dispoñibilidade a traballar polas noites e en días festivos.

Este conflito laboral que hoxe se dá por finalizado remóntase a outono de 2022 cando os bombeiros provinciais iniciaron as súas reivindicacións. Desde xullo de 2023 declaráronse oficialmente en folga e endureceron as mobilizacións.

Pouco antes das eleccións autonómicas de febreiro de 2024 comezaron a xestarse as negociacións que cristalizaron este mércores coa aprobación do convenio e a RPT.

Santiago Villanueva expresou a súa "enorme satisfacción" por chegar a este acordo que permite "volver á xestión ordinaria das emerxencias" recuperando a "normalidade". "Evidentemente, cando todo o mundo está satisfeito o servizo mellora", sinalou.

O director xeral de Emerxencias e Interior anunciou un incremento dos efectivos de bombeiros, de 73 pasan a 90, e unha mellora tamén nos medios técnicos.

Pola súa banda, Ángel Moldes, presidente do Comité de traballadores do Consorcio de Pontevedra, destacou que esta foi unha "longa negociación" que culminou o ano pasado nun acordo que puxo fin a unha folga de máis de sete meses nos parques de bombeiros consorciados —24 centros en toda Galicia— e establecía a necesidade de elaborar unha RPT e un calendario para asinar un convenio colectivo que "unifica as condicións de todos os bombeiros dos consorcios provinciais de Galicia".

Esa RPT "dignifica a nosa profesión e por fin valora o que realmente vimos facendo", dixo Ángel Moldes que agradeceu "o talante, a maneira de negociar" que tiveron todas as partes. "Por fin poderemos dedicarnos ao que nos gusta, que son as emerxencias, que é atender a cidadanía", engadiu.

O Consorcio Provincial contra Incendios aprobou o convenio e a RPT
O Consorcio Provincial contra Incendios aprobou o convenio e a RPT    Deputación de Pontevedra

Luís López lembrou que este conflito laboral era unha das "patacas quentes" que tiña enriba da mesa cando tomou posesión como presidente da Deputación de Pontevedra e incidiu na "absoluta discreción" coa que levaron adiante as negociacións.

Tamén agradeceu a "paciencia" dos bombeiros, o papel da Xunta como "aliado necesario e imprescindible" e ao deputado Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño, como "o verdadeiro artífice" deste acordo que se fraguou en 32 reunións.

"Por tanto, un día histórico, un día do que todos estamos tremendamente orgullosos", remachou Luís López.