O Concello de Pontevedra acolleu este mércores a celebración dunha Xunta de Portavoces para preparar o pleno ordinario que terá lugar o vindeiro luns 24 de marzo, na casa consistorial ás once da mañá.
Como asunto máis destacado na orde do día irá a aprobación definitiva do orzamento municipal, despois de que este mesmo mércores en Xunta de Goberno extraordinaria fora desestimada e inadmitida as dúas reclamacións que figuraban na única alegación presentada ás contas do Concello para 2025.
Segundo informou a portavoz do goberno local, Eva Vilaverde, esta alegación foi presentada por Comisións Obreiras, e ten dous apartados diferentes.
O primeiro deles ten que ver cos gastos relacionados con horas extraordinarias "e inadmítese desde Intervención por non estar dentro das causas tasadas que poden alegarse contra o orzamento".
No segundo apartado desta alegación o sindicato considera que non se respeta a estrutura orzamentaria nun gasto que ten que ver cun complemento da Policía Local, que entende Comisións Obreiras que non está ben articulado en función da RPT.
"A propia intervención desestima ao considerar que está perfectamente estruturado, como así vai no informe da primeira aprobación dos orzamentos en función da normativa vigente", indicou a concelleira.
MOCIÓNS
Ademáis, no pleno do luns debatiranse catro mocións, dúas presentadas polo Partido Popular e dúas polo Partido Socialista.
Por unha banda, os populares propoñen ampliar os premios Cidade de Pontevedra creando a categoría de 'Premio de Honra' para "encher un baleiro que existe" para o recoñecemento de persoas que dedicaron unha parte fundamental da súa vida para mellorar a cidade en calquera faceta de relevancia para a comunidade.
Ademáis o PP presentou outra moción para impulsar a recuperación e musealización do xacemento arqueológico da Praza de Valentín García Escudero.
O grupo do Partido Socialista levará a pleno unha moción na que denuncia a "situación crítica" da Unidade de Atención á Drogodependencia (UAD) e esíxelle á Xunta de Galicia a asunción inmediata das competencias que lle corresponden en materia sanitaria, incluíndo todo o persoal da Unidade, "de xeito que se garanta a continuidade e calidade do servizo prestado coas novas contratacións necesarias para cubrir as próximas baixas por xubilación".
Os socialistas tamén defenderán outra moción na que solicitan ao goberno local a aplicación de ferramentas legais que permitan establecer unha bonificación de ata o 95% no IBI para vivendas destinadas a alugueiro con renda limitada por unha norma xurídica e de ata o 50% para inmobles con instalacións de enerxía solar.