Revitalizar o Mercado de Abastos e dar vida a novos proxectos empresariais son os novos obxectivos do Concello de Pontevedra e do CIFP Carlos Oroza quen, unidos, volverán facer do lugar un espazo formativo e experimental.
A través do seu alumnado, a escola de restauración volverá pór en marcha un programa único no Estado con diferentes propostas gastronómicas nas que darán especial valor ao produto galego.
Esta nova colaboración foi presentada este venres pola concelleira de Promoción económica, Anabel Gulías, xunto co director do centro, Manuel Hermo, e o profesor Ricardo Fernández.
Segundo explicaron, cada xoves, o alumnado poderá aprender a prepararse nun escenario real con público real para que, no futuro, algunha desas propostas poida acceder ao mundo empresarial.
En total serán cinco proxectos formados por 17 alumnos e alumnas os que pasarán polo Mercado a partir deste xoves 6 de febreiro e mostrará a un grupo pecho de entre 20 e 30 persoas a súa proposta. Cada unha ten unha temática diferente e conta coa supervisión do centro.
A 'Tapería Ruda's' está formada por catro mulleres que queren pór en valor a tradición galega e o matriarcado cun enfoque de cousas moi tradicionais con produtos galegos e de calidade, mentres que 'Efímero Gastrobar' opta por utilizar masas de todo o mundo, pero utilizando para o seu recheo produto galego e nacional.
No caso da 'Tapería Luscofusco', optan pola comida tradicional con bo produto; 'Jaleo brioche' utiliza a masa brioche en todas a súa elaboración e, por último, a 'Tortilla D'Or', que fai tortilla con pataca de Galicia e diferentes recheos e acompañamentos.
Para participar nestas xornadas é necesario reservar praza a través da páxina web do CIFP Carlos Oroza.