A ameaza da borrasca Karlotta durante esta fin de semana obrigou o Concello de Sanxenxo a aprazar para o próximo 25 de febreiro o desfile infantil previsto para este domingo.
O resto da programación do entroido manterá a súa total normalidade, arrincando o vindeiro luns cos Obradoiros de Entroido para nenos de entre 3 e 12 anos na Casa da Cultura de Adina. Pola tarde celebrarase o Luns Choqueiro coa colaboración da Asociación Cultural Abiñadoira.
A diversión continuará o martes no campo de festas de Arra con xogos, inchables, concurso, sorteos e música en directo a partir das 15:30 horas. Non faltará nin o churrasco nin o chocolate con churros. Tamén se sorteará unha viaxe para catro persoas ao parque Warner de Madrid e unha estancia nun hotel de catro estrelas con almorzo incluído.
O Enterro da Sardiña en Portonovo será o mércores 14 a partir das 20:00 horas e o venres, en Vilalonga, celebrarase o Enterro da Cabra a partir das 20:30 horas.
O entroido seguirá durante a próxima fin de semana coa Festa do Jato, o Baile de Entroido 3ª Idade e o tradicional Espectáculo de Parodias dirixido por Silvia Dorrón.
O desfile e concurso de disfraces de adultos, a partir dás 16:30 horas, poñerá o broche de ouro á programación. As persoas interesadas en participar poderán inscribirse no 986 727 936 ou o mesmo día no Club de Xubilados de Sanxenxo. Pola mañá, a partir das 12 horas, celebrarase o desfile infantil. En ambos a Concellería de Cultura repartirá 13.265 euros.