O Concello de Poio anunciou o aprazamento do desfile de entroido, previsto inicialmente para o vindeiro domingo 11 de febreiro, ante a previsión de fortes choivas que se espera para toda a xornada.
O desfile pasa desta forma ao sábado 24 de febreiro, data consensuada coas comparsas e grupos locais para tentar favorecer a máxima participación posible e non coincidir cos actos organizados en concellos da comarca.
O que non cambiará a pesar da nova data é o horario escollido para o popular desfile e o seu percorrido. Así, mantéñense as 12.00 horas como momento de saída desde a Biblioteca Municipal, mentres que a chegada será na Praza da Granxa, en Campelo.
Poio repartirá este ano 4.450 euros en premios no seu desfile entre as categorías individual, parella ou grupo, tanto en infantil (ata 14 anos) como adultos (desde os 15 anos).
O resto da programación do Entroido de Poio mantense sen cambios.