Un total de 47 entidades sociais de 25 municipios da provincia de Pontevedra recibirán preto de 110.000 euros para poñer en marcha actividades de dinamización da lingua galega.
O presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, Luis López, explicou que se trata dun proxecto que impulsan porque "cremos firmemente que, como administración pública, é unha obriga fomentar e difundir a lingua galega".
A defensa de López da lingua é total, "a miña, a nosa, a que nos diferencia, nos proxecta cara ao exterior, cara ao mundo".
Con estes fondos, as entidades sociais van impulsar festivais, xornadas culturais, exposicións roteiros, talleres ou premios literarios, entre outras iniciativas.
Segundo a información facilitada por Luis López, a Xunta de Goberno deste venres aprobou mobilizar preto de 1,5 millóns de euros en distintos proxectos. Este é un deles.
Ademais, dentro do Plan +Provincia, liberaron 360.000 euros en investimentos en dous municipios, un deles, Bueu.
Nesta localidade do Morrazo, investirán 60.000 euros en repavimentar e mellorar o acceso ao aparcamento do pavillón municipal Pablo Herbello.