Apontoan o cruceiro de San Amaro, "a piques de caer", mentres os veciños reclaman un cambio de localización

Pontevedra
09 de setembro 2024

Tras este último incidente da pasada semana, o cura ordenou instalar unha cadea e xerou certo malestar porque varios coches quedaron aparcados dentro, tras a cadea. O domingo alguén rompeu ese peche e este luns xa había novos vehículos alí estacionados

Eulogio Sartier sinala os danos do cruceiro de San Amaro
Eulogio Sartier sinala os danos do cruceiro de San Amaro / PontevedraViva

A última hora da mañá deste luns, o Concello de Pontevedra procedeu a apontoar o cruceiro instalado no atrio da capela de San Mauro. Un coche danouno o pasado mércores e xerouse unha greta que nos últimos días foi a máis, ata tal punto que este luns xa estaba "a piques de caer". 

Os veciños pediron nos últimos días este apontoamento, advertindo que "tememos que en dous ou tres días vai caer" e este mesmo luns o presidente da asociación veciñal de Mourente, Eulogio Sartier, acudiu ao Concello para pedir a actuación. Pouco despois, persoal municipal acudiu a protexer o cruceiro. 

Sartier mostra a súa preocupación polo estado do cruceiro, que data do século XIX e, ademais, reclama que se actúe para evitar novos danos. No que vai do ano 2024, xa sufriu desfeitas tres veces e consideran que é preciso actuar antes de que xa sexan irreversibles

Así, o presidente da asociación veciñal explica que na última reparación, hai apenas mes e medio, unha arqueóloga xa lles comentou que "se cae outra vez, desaparece a cruz".

Nesta ocasión, o pedestal moveuse, o varal sufriu unha greta na metade e o cruceiro empezou a inclinarse aos poucos. De momento, a cruz non caeu, pero está cada vez máis inclinado. Confían en que os puntais instalados este luns freen esta deterioración. 

Os veciños reclaman que o cruceiro regrese á súa anterior localización, situado máis cara ao medio da praza, pois consideran que a localización actual, elixida polo párroco sen consultar cos veciños, expón máis ao cruceiro. Está situado fronte á entrada do atrio e nun lugar polo que acceden os vehículos, de modo que "queda máis xusto e os coches é máis fácil que choquen". 

Esta situación actual co cruceiro ten relación directa co feito de que esta praza converteuse nun lugar de aparcamento.

Os vehículos estacionan nesta zona propiedade da igrexa a pesar de que nun dos accesos o cura ordenou a instalación de pivotes de pedra e unha sinalan indica que está prohibido aparcar e no outro hai un sinal que indica que tan só se pode aparcar para servizos relixiosos

Tras este último incidente da pasada semana, o cura ordenou instalar unha cadea neste segundo acceso no que non hai pivotes e xerou certo malestar porque varios coches quedaron aparcados dentro, tras a cadea. Con todo, o domingo alguén rompeu ese peche e este luns xa había novos vehículos alí estacionados. 

Os veciños coinciden en que é preciso regular o aparcamento, pois "o cruceiro é máis importante que aparcar os coches", pero apostan por buscar outras solucións.

"Hai que facelo o mellor posible", indican. E propoñen, por exemplo, como cambiar o cruceiro de sitio e acordoar a zona que afecta o cruceiro e ao acceso á capela, deixando o resto como estacionamento. 

Agora mesmo, a súa prioridade é o estado do cruceiro, sobre o que ven que "cada vez vai a peor", e cuestionan a actitude do cura da parroquia, que non fai nada por dialogar e buscar unha solución para este cruceiro, "a insignia do noso barrio".