O pleno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres por unanimidade unha moción presentada polo PP para instar o Goberno central a realizar un estudo alternativo para o trazado actual da A-57 no tramo comprendido entre A Ermida e Pilarteiros, nas parroquias pontevedresas de Bora e Xeve.
É a mesma moción que xa foi aprobada no Concello de Pontevedra, tamén de xeito unánime, co mesmo obxectivo de que o ministerio faga outro deseño que sexa menos impactante para as comunidades e familias afectadas e que teña en conta tamén a redución do impacto ambiental.
O grupo popular admitiu unha emenda do grupo socialista para retirar da moción a petición de paralizar as obras. Este acordo unánime foi agradecido con aplausos por parte dun grupo de afectados presentes no salón de plenos.
Nesta sesión ordinaria, tivo lugar a toma de posesión como deputado do PSOE de Francisco Ferreira, que substitúe ao deputado Carlos López Font, así como a renuncia ao seu posto da vicepresidenta primeira da Deputación, Marta Fernández-Tapias, que será relevada por Luísa Sánchez, quien asumirá el cargo en la próxima sesión plenaria.
O pleno comezou coa lectura por parte do presidente da Deputación, Luís López, dunha declaración para conmemorar neste 23 de febreiro o Día de Rosalía de Castro. Unha intervención na que o mandatario provincial apelou a recordar a "sensibilidade e firmeza coa que Rosalía esixía xustiza" para avanzar cara unha "provincia máis igualitaria, respectuosa co medio natural, orgullosa da súa cultura e tradicións e preparada para competir nun mundo globalizado".
O grupo do BNG criticou que o goberno do PP na Deputación "renegase de poñer en valor a figura de Rosalía de Castro e fixese desaparecer os actos institucionais e a programación provincial do 23 de febreiro que se viñan organizando nos mandatos anteriores para conmemorar o nacemento da autora".
No mesmo pleno tamén se aprobou por unanimidade unha modificación de crédito por valor de 422.000 euros para realizar investimentos en distintos concellos da provincia con fondos procedentes de proxectos de anualidades anteriores que quedaran anulados, así como a modificación do convenio para o servizo de vixilancia e inspección en materia de residuos para concellos de menos de 50.000 habitantes.
Por outro lado, saíu adiante cos votos dos deputados do grupo popular e do BNG o novo regulamento da escola infantil de Príncipe Felipe e foi rexeitada unha moción do grupo socialista que esixía recuperar os programas en materia de igualdade que se realizaban anteriormente.