Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra, reuníase este xoves no Pazo Provincial co alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, a quen adiantaba que este venres a Xunta de Goberno da institución provincial aprobará un investimento de 170.000 euros para mellorar a Praza da Aldea, situada en Arcade.
Esta subvención supón o 100% da obra de humanización prevista neste espazo, segundo avanzaba o presidente provincial.
Ambos os dirixentes recoñeceron que a reunión se mantivo nun clima de cordialidade e de procura de entendemento en que se analizaron os distintos investimentos que se proxectan durante os próximos meses no municipio de Soutomaior.
Segundo sinalou López, o investimento previsto no municipio alcanzará os 675.000 euros neste 2024, subindo un 12% a cifra destinada desde o organismo provincial a Soutomaior o ano pasado.
Neste encontro tratábanse outros temas como os 218.000 euros solicitados polo Concello para acondicionar a contorna da Carreira dos Bolos e outra partida de máis de 43.000 euros para mellorar os parques infantís.
Tamén, dentro do plan +Provincia, o goberno local que lidera Manu Lourenzo solicitou 51.000 euros para a programación cultural, deportiva e social e unha axuda de 118.500 euros para contratar a nove persoas dentro do programa de fomento de emprego.
A estas solicitudes súmase a axuda de 12.100 euros para humanizar o Camiño de Santiago no traxecto que pasa pola Rúa Coutada e Fonte do Conde; e tamén para a senda peonil que une Arcade e o CEIP Manuel Padín Truiteiro.
A Deputación tamén ten previsto acometer a reforma da entrada principal do campo de fútbol municipal de Candán por valor de 57.500 euros, que achega integramente a institución provincial.
"Somos un goberno municipalista", manifestaba Luis López á saída da reunión sinalando que esta é a primeira de "moitas reunións que imos manter".
Neste sentido, Manu Lourenzo demandou solucións á estrada de Soutomaior ao seu paso polo núcleo de Arcade, unha petición que o presidente provincial asegurou que será estudada para resolver os problemas actuais que xera o tráfico por esa vía.
O rexedor de Soutomaior mostrou a súa satisfacción por este encontro "alén dos lexítimos intereses políticos que defendemos cada un", afirmou para engadir que "saímos da xuntanza con moitos proxectos" e a "absoluta garantía de colaboración entre dúas administracións en beneficio da veciñanza de Soutomaior".