Apertura de parques infantís e aforos ao 75%, así será a entrada na 'nova normalidade' a partir do luns

Pontevedra
13 de xuño 2020

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle este sábado 13 de xuño as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo  COVID-19 na entrada á denominada 'nova normalidade', que Galicia alcanzará a partir do próximo luns

Persoas con máscaras polas rúas de Pontevedra
Persoas con máscaras polas rúas de Pontevedra / Mónica Patxot

Galicia converterase o luns oficialmente na primeira comunidade en finalizar a desescalada e entrar na denominada 'nova normalidade'. Con todo iso non significa o fin das restricións e medidas de prevención.

Tras o anuncio, a Xunta de Galicia explicou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicaría este sábado a normativa detallada que deberán acatar comercios e particulares a partir de agora. 

En primeiro lugar, manteranse as medidas preventivas como o uso de máscara ou a distancia de seguridade, pero entre os aspectos máis destacados que recolle o texto atópase a apertura, tres meses despois, dos parques infantís, así como das zonas deportivas ao aire libre ou parques biosaudables.

Doutra banda os establecementos comerciais, de hostalería e diversos recintos contarán como regra xeral cun aforo máximo do 75% da súa capacidade, cifra que se reducirá ao 50% nas zonas comúns dos centros comerciais.

Nas terrazas ao aire libre esta capacidade permitirase elevar ata o 80%.

Outros aspectos a destacar son a ampliación do número de asistentes en velorios, que pasa a ser como máximo de 70 persoas ao aire libre e de 30 baixo teito, sexan ou non conviventes. Pola súa banda as vodas, tan habituais no verán, poderán celebrarse rexidas polos límites dos espazos que as acollan, cun máximo de 250 persoas ao aire libre e 150 en espazos pechados.

Tamén se regulan eventos culturais, congresos e mesmo espectáculos deportivos, que poderán ter ata 1.000 espectadores sentados en caso de ter lugar ao aire libre e 300 persoas en lugares pechados.

Cinemas, teatros, museos, igrexas ou bibliotecas poderán operar tamén ao 75% da súa capacidade, podendo recuperarse ademais as clases en academias ou autoescolas con grupos dun máximo de 25 persoas.

Estes son só algúns dos aspectos destacados dunha normativa que pode consultarse na súa totalidade no DOG, que tamén recolle a recomendación da Xunta de Galicia de seguir realizando desinfeccións periódicas, a colocación de elementos de protección e marcas para facilitar a distancia entre persoas, así como utilizar de maneira preferente o pago con tarxeta de crédito.