A APDR asegura que o Supremo terá que considerar a Directiva Europea de Servizos cando aborde o recurso de Ence

Pontevedra
20 de decembro 2024

"O Tribunal Supremo ten que ditar sentenza de acordo con todos estes feitos", sinala Benito Andrade, "e no caso de que non resolva isto irá ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea"

Rolda de prensa da APDR
Rolda de prensa da APDR /

O Tribunal Supremo aínda ten pendente a resolución dos recursos de casación que presentaron no seu día Ence e as organizacións afíns contra a sentenza da Audiencia Nacional que deu a razón á Asociación Pola Defensa Da Ría (APDR) e anulou a concesión de Celulosas.

A APDR sostén que cando o Supremo aborde este recurso de casación, os maxistrados deberán considerar o contido do expediente da Comisión Europea a Españaque entende que a ampliación da concesión por 60 anos non cumpre coa normativa.

O Supremo fallou a favor da empresa pasteira rexeitando as dúas sentenzas da Audiencia Nacional presentadas polo Concello de Pontevedra e Greenpeace, validando a prórroga outorgada por Costas até 2073. Pero a APDR lembra que o seu recurso é diferente aos presentados polo Concello e Greenpeace.

No seu día, Ence solicitou que se aplicase o mesmo veredicto ao litixio emprendido polo colectivo ecoloxista. Con todo, o alto tribunal desestimou esa solicitude e continuou a tramitación do procedemento de forma ordinaria o que permitiu á APDR presentar recentemente un novo escrito de oposición fronte á permanencia de Ence.

"Nese escrito de oposición xa facemos referencia ao feito de que se está a incumprir a Directiva Europea de Servizos" na adxudicación e ampliación de concesións, segundo explica Benito Andrade, representante da APDR, "é un feito que debe ter en conta o alto tribunal á hora de ditar a súa sentenza".

A APDR lembra que a Comisión Europea enviou a España un ditame motivado alertando de que pode incumprir esta Directiva de Servizos (Directiva 2006/123/CE) ao considerar que concesións na costa por 75 anos, como a concedida á factoría de Ence en 2016 para a súa permanencia en Lourizán, "infrinxen" as directivas europeas.

"O Tribunal Supremo ten que ditar sentenza de acordo con todos estes feitos", sinala Benito Andrade "e no caso de que non resolva isto irá ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea".

Segundo informou o representante legal da APDR, Vicente Legísima, o avogado do Estado no recurso de casación, con data do 16 de xuño de 2024, presentou un escrito no que fai mención a esta situación da Comisión Europea que se debe ter en conta, e en todo caso, "se o considera o Tribunal Supremo pode presentar unha cuestión prexudicial en Europa".

"Este escrito da Avogacía do Estado, do mesmo xeito que o noso escrito de oposición aínda non foi tramitado", segundo apuntou Legísima, confirmando que aínda non houbo ningún tipo de actuación neste sentido por parte do Tribunal Supremo. "O normal é que a admitan e tramiten", valorou.

Por outra banda, a APDR lembra que tras desestimar o Pleno do Tribunal Constitucional setenta das setenta e dúas impugnacións incluídas no recurso de inconstitucionalidade interposto polo Goberno de España contra a Lei 4/2023, de 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia "segue estando vixente e é de aplicación o artigo 32,1 da Lei de Costas".

Vicente Legísima subliña que o Tribunal Constitucional "cita expresamente e recálcao en varias ocasións" que hai que aterse ao artigo 32,1 da Lei de Costas, "que di que nas concesións en terreos de dominio público marítimo terrestre só poden estar as empresas que non teñan outra localización pola súa condición".

Por tanto, recalca a APDR que a Xunta "non poderá facer o que queira coas concesións, si non é atendendo á Lei de Costas".