O plan de saneamento da ría arroxa cuestións "preocupantes" para a Asociación pola Defensa da Ría, especialmente polo que se refire ao emisario submarino.
Nun comunicado, o colectivo ecoloxista celebra que o goberno galego teña decidido facer un novo emisario que vertería cara fóra da ría, recoñecendo segundo APDR, que o punto actual "non era o máis idóneo".
A Xunta basea a súa decisión, apuntan desde Defensa da Ría, en que ao ser unha zona sensible e ter unha clara vocación marisqueira, "non pode asumir unha carga de contaminación orgánica e microbiolóxica como a que estaba a padecer".
Pero o que denuncia a asociación é que, de acordo coas declaracións do goberno galego, o novo emisario vai ser de "uso exclusivo" para as verteduras domésticas procedentes da EDAR dos Praceres, permanecendo o emisario actual para os vertidos de Ence e Elnosa.
"Recoñecido o problema que supón o vertido das augas residuais contaminantes no actual punto de vertido, vaise permitir que os vertidos de Ence, cunha carga de materia orgánica e de contaminación microbiolóxica moi elevada, e Elnosa, que segue vertendo importantes cantidades de mercurio, se manteñan nese mesmo punto de vertido", asegura APDR.
O colectivo que preside Antón Masa pregúntase "que razóns poden existir para non obrigar a ENCE e ELNOSA a verter fóra da ría" e que vaia a ser o cumprimento das esixencias legais ás augas residuais antes da súa entrada no tubo emisario.
Desde APDR insisten en que se realmente se quere acometer o saneamento da ría "e non unha nova campaña propagandística", non se pode permitir a permanencia dos vertidos de Ence e Elnosa "e moito menos nunha zona interna e con pouca capacidade de renovación das augas, como se veu facendo ata o de agora".
Esta nova situación permitiría, conclúe a asociación, a recuperación da illa de Tambo, que podería verse acollida por algunha das figuras de protección ambiental, "un aspecto que non se debería deixar por máis tempo e que agora vese imposibilitado pola presenza do punto de vertido do emisario submarino nas súas proximidades".