APDR acudirá ao Parlamento Europeo para participar no debate sobre o saneamento da ría

Pontevedra
29 de novembro 2015

Nesta reunión, a APDR -que viaxa invitada pola parlamentaria europea Lidia Senra (Alternativa Galega de Esquerdas)- expoñerá as súas posicións ao respecto da necesidade de eliminar o principal foco de contaminación da ría, que ao seu entender "non é outro que o complexo ENCE-Elnosa que o goberno do PP pretende consolidar no seu actual emprazamento en Lourizán mais aló do 2018, ano no que vence a actual concesión administrativa"

Marcha da APDR contra ENCE 2015
Marcha da APDR contra ENCE 2015 / Daniel Santomé

Unha delegación da Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) acudirá o vindeiro mércores 2 de decembro a Bruxelas para participar na Comisión de Medio Ambiente do Parlamento Europeo que vai abordar a problemática do saneamento da Ría de Pontevedra. 

Nesta reunión, a APDR -que viaxa invitada pola parlamentaria europea Lidia Senra (Alternativa Galega de Esquerdas)- expoñerá as súas posicións ao respecto da necesidade de eliminar o principal foco de contaminación da ría, que ao seu entender "non é outro que o complexo ENCE-Elnosa que o goberno do PP pretende consolidar no seu actual emprazamento en Lourizán mais aló do 2018, ano no que vence a actual concesión administrativa". 

Ao tempo, a APDR tratará de interesarse pola situación da denuncia presentada en maio de 1999 diante da Dirección Xeral de Medio Ambiente da UE, na que a asociación ecoloxista esixía iniciativas europeas para conseguir a eliminación dos vertidos na Ría e que deu lugar a apertura dun procedemento sancionador contra o Estado español.

Neste sentido, a APDR entende que só coa eliminación definitiva dos vertidos de ENCE e a depuración eficaz das augas de vertido domésticas, "será posible conseguir que o saneamento e a recuperación da Ría para a explotación racional dos recursos naturais e a creación de postos de traballo nestes sectores, sexa realidade".

Calquera outra medida, sinalan deste este colectivo, "rematará sendo un novo parche que, lonxe de solucionar o problema, adiará a súa solución e levará inevitablemente á morte da ría e á perda definitiva da calidade de vida da veciñanza".