A Concellaría de Educación porá en marcha o vindeiro 1 de marzo "Arte rupestre na escola", un ciclo de conferencias e visitas guiadas para formar aos alumnos de primaria no coñecemento e valorización da arte rupestre galega.
O ciclo impartirase a preto de 400 alumnos de oito centros de ensino durante os meses de marzo e abril achegándoos ao patrimonio arqueolóxico de Salcedo.
As conferencias abordarán o marco teórico cunha metodoloxía activa e participativa centrada en tres eixos: pensando cos petróglifos, arte rupestre en San Martiño de Salcedo e arte e estética nos gravados rupestres. O historiador Buenaventura Aparicio Casado será o encargado de impartir estas conferencias.
As visitas guiadas polo territorio de Salcedo abranguerán o patrimonio arqueolóxico, etnográfico e inmaterial desta parroquia. O antropólogo Rafael Quintía Pereira guiará aos rapaces polo monte de Salcedo.
A Concellaría de Educación e os autores desta proposta, Aparicio e Quintía, entenden que "a arte rupestre é o compoñente patrimonial máis noso, que mellor nos define. Un repertorio artístico cun enorme potencial que require difusión e protección diante das ameazas de todo tipo que o poñen en perigo".
Os petróglifos engaden ao seu valor histórico un patrimonio inmaterial e etnográfico interesantísimo en forma de lendas, mitos, crenzas, actuación dos canteiros e dos buscadores de tesouros.