Aparecen restos humanos nunha finca de Bora próxima o río Lérez

Pontevedra
24 de marzo 2016

Non foi este un Xoves Santo tranquilo no lugar das Pontes. A aparición de restos humanos nunha leira próxima ao río Lérez, ao seu paso pola parroquia pontevedresa de Bora, xerou unha gran expectación. Foi un veciño da zona quen, comprobando como quedaran uns terreos da súa propiedade -próximos á zona onde apareceron os restos- tras unha limpeza e talla de árbores realizada nas últimas horas, o que os atopou. 

Aparición de restos humanos nunha finca de Bora
Aparición de restos humanos nunha finca de Bora /

Non foi este un Xoves Santo tranquilo no lugar das Pontes. A aparición de restos humanos nunha leira próxima ao río Lérez, ao seu paso pola parroquia pontevedresa de Bora, xerou unha gran expectación.

Foi un veciño da zona quen, comprobando como quedaran uns terreos da súa propiedade -próximos á zona onde apareceron os restos- tras unha limpeza e talla de árbores realizada nas últimas horas, o que os atopou a última hora da tarde do mércores.

Avisou á Policía Nacional ás nove desta mañá. En dita chamada alertáballes de que atopara un cranio humano preto dunha das súas leiras. Ademais, descubriu o que parecía ser un fémur e, polo menos, unhas zapatillas deportivas que se atopaban tiradas xunto aos restos.

Fontes da investigación confirmaron a PontevedraViva o achado destes restos humanos, pero por agora descoñécese se son dun home ou dunha muller ou o tempo que poden levar ocultos nunha zona na que, segundo confirman os veciños, operarios forestais estiveron traballando durante os últimos días.

Esta limpeza da ribeira do Lérez é a que, presumiblemente, permitiu a aparición dos restos. É unha zona tamén próxima á estrada N-541.

Axentes da Policía Científica e forenses do Instituto de Medicina Legal de Galicia desprazáronse ao lugar do achado para inspeccionar o terreo, na busca de máis restos humanos ou de calquera indicio que poida axudar á identificación do cadáver.

Ata última hora desta tarde tan só transcendera a aparición do cranio e dun fémur, ademais das zapatillas achadas inicialmente e diversas pezas de roupa que se atoparon cando se comezou a escavar a zona, que se atopa acordoada e custodiada por dúas patrullas da Policía Nacional.

Os axentes da Científica tamén recolleron diversas probas, que gardaron nas súas correspondentes bolsas protectoras, para comprobar posteriormente se teñen relación ou non cos restos achados. Estes traballos estendéronse durante máis de oito horas.