Aparecen novas pintadas contra o BNG, agora en Moraña

Umia
12 de setembro 2016

O partido nacionalista entende que estas pintadas están relacionadas co conflito do Parque de Maquinaria da Deputación e reclama ao PP que deixe de alentar estas actuacións

Pintada acusando de corrupción ao BNG
Pintada acusando de corrupción ao BNG

Apareceron novas pintadas que relacionan ao BNG coa privatización de servizos e coa corrupción. Nesta ocasión, o BNG de Moraña é o que denuncia esta presenza nas parroquias de Amil, Rebón e Espedregueira. Desde a formación nacionalista relacionan estas pintadas coa campaña levada a cabo por un grupo de traballadores do Parque de Maquinaria da Deputación.

As críticas do Bloque, a través dun comunicado, diríxense a eses traballadores "enchufados polo señor Louzán e o Partido Popular, apoiados tamén polo pseudosindicato Comisións Obreiras".

Desde o BNG faise referencia a que os veciños, sobre todo de Amil que se atopa durante estes días en festas, mostraron o seu rexeitamento a estas actuacións. E a formación nacionalista engade que na Deputación acabáronse os privilexios e as cacicadas. Afirman que ao PP cústalle aceptar isto e por ese motivo "alenta a campaña mafiosa e case terrorista contra os nosos representantes".

O BNG de Moraña esixe unha condena por parte do goberno municipal e do Partido Popular a estes actos mafiosos e reclaman á alcaldesa María Luisa Piñeiro, dirixente do PP provincial, que mande parar a campaña de ameazas de morte cara a deputados nacionalistas na Deputación.

Arquivado en