Aparece unha nova coroa mortuoria : "Mosquera, non te deixaremos en paz"

Pontevedra
28 de maio 2016
Actualizado: 14:44

A coroa foi colocada este xoves pero este sábado trascendeu a súa presenza na Illa de Arousa. Nesta ocasión, a ameaza vai dirixida directamente contra o vicepresidente da Deputación Provincial, César Mosquera, en relación co conflito cos traballadores do Parque de Maquinaria. Mosquera pedirá por carta a Alfonso Rueda, presidente provincial do PP, que mande poñer fin a estas agresións

Coroa aparecida contra César Mosquera
Coroa aparecida contra César Mosquera

A Illa de Arousa foi o escenario onde apareceu colocada nun poste da luz unha nova coroa mortuoria. Se esta semana, varios deputados do equipo de goberno da Deputación Provincial denunciaban a presenza dunha coroa ameazante co nome do deputado responsable de Mobilidade, Uxío Benítez, este sábado transcendeu a presenza doutra coroa situada na comarca de O Salnés desde o pasado xoves. Nesta ocasión, a banda que acompaña o conxunto de flores leva escrita a frase: "Mosquera, non te deixaremos en paz".

O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, na súa intervención no faladoiro de Radio Pontevedra durante este sábado relacionaba este novo episodio co conflito de traballadores do Parque de Maquinaria da Deputación e coa actitude que están a manter o Partido Popular e o sindicato Comisións Obreiras en relación con este tema.

Mosquera anuncia que remitirá o vindeiro luns unha carta ao presidente provincial do PP, Alfonso Rueda, para solicitar de xeito formal que dea as instruccións pertinentes para poñer fin ás agresións contra o goberno provincial. "Xa que foi el quen marcou a liña de confrontación e ataque ao goberno provincial e as súas ordes foron as que fixeron que isto chegara a onde chegou, debe ser el quen pare esta tolería", subliñou.

César Mosquera insiste en que este conflito prodúcese como consecuencia de que o goberno da Deputación tenta regular o cobro de dietas e os complementos que, segundo afirma, non se estaban xustificando por parte dalgúns dos traballadores do Parque. Este enfrontamento provocou varios incidentes como pintadas en diferentes rúas nas que se acusa a Mosquera de mentireiro e, nas últimas horas, provocou que a presidenta da Deputación, Carmela Silva, suspendese a sesión do pleno provincial ante os berros de protesta durante a celebración por parte dos traballadores e dos representantes sindicais.

Arquivado en