Aparcar o coche nos arredores, moverse a pé e usar a AP-9 para rodear a cidade: os consellos para o tráfico durante a Feira Franca

Pontevedra
30 de agosto 2023

Pontevedra espera durante a xornada do venres e, sobre todo, o sábado unha multitude de persoas para participar na Feira Franca e, para garantir o correcto desenvolvemento desta festa que "se vive na rúa", o Concello puxo en marcha dous operativos especiais, un de tráfico e outro de seguridade

Ambientación na cidade para a Feira Franca
Ambientación na cidade para a Feira Franca / Mónica Patxot

Pontevedra espera durante a xornada do venres 1 de setembro e, sobre todo, o sábado 2 a unha multitude de persoas para participar na Feira Franca e, para garantir o correcto desenvolvemento desta festa que "se vive na rúa", o Concello puxo en marcha dous operativos especiais, un de tráfico e outro de seguridade

A concelleira de Seguridade e Protección Cidadá, Eva Vilaverde, deu a coñecer ambos os operativos este mércores explicando que se mobiliza a "todos os medios necesarios" para pasar unha Feira Franca "con tranquilidade e con normalidade".

Coordinados desde o departamento de Festas e Cultura, estes operativos implican a efectivos da Policía Local, os Bombeiros, Protección Civil, servizos sanitarios, persoal de limpeza, Cruz Vermella e seguridade privada. Ademais, en canto á seguridade, púxose en coñecemento da Policía Nacional, que tamén pon en marcha o seu propio dispositivo. 

Para poder garantir o funcionamento destes plans, reforzáronse todos estes servizos. En canto á Policía Local, o sábado haberá 14 axentes de mañá, 17 de tarde e 13 de noite. En canto aos Bombeiros, serán dúas dotacións no propio recinto da Feira Franca e unha de garda no parque. 

O dispositivo de tráfico inclúe unha serie de consellos que pasan por animar á poboación a priorizar os desprazamentos a pé e, para aqueles que chegan desde fóra da cidade, a estacionar nos estacionamentos disuasorios habilitados nos distintos accesos a cidade, a utilizar a autoestrada AP-9 para rodear a cidade e a ir por Domingo Fontán para desprazarse con destino ás zonas de praias. 

A partir das 10.00 horas queda prohibida a circulación de vehículos nas rúas do casco histórico, en Arcebispo Malvar, Pardo Bazán, Alameda, Galera, Michelena e nas rúas peonil Benito Corbal e Peregrina.

A celebración do evento inclúe restricións de estacionamento. Na rúa Aduana esa restrición xa está activa desde este mércores 30 de agosto ás 9.00 horas e a partir das 7.00 horas do venres tampouco se poderá aparcar na contorna da Praza de Touros en Nostramo Lourido, Víctor Said Armesto, Canaval e o perímetro da praza.

A partir das 22.00 horas do venres tampouco se poderá aparcar na rúa Santa Clara entre o convento e a rúa Cobián Roffignac nin en Maestranza e no Paseo Cervantes (queda reservado para motos).

O Concello prevé tráfico intenso nas rúas Eduardo Pondal e Uxío Novoneyra entre as 10.30 e as 13.30 horas; na saída da cidade pola Alameda, Echegaray e Ponte da Barca entre as 12.30 e as 14.30 horas e na contorna da praza de touros entre as 17.00 e as 20.00 horas, coincidindo co torneo medieval.

Están contemplados determinados cortes de tráfico en momentos puntuais, como as rúas na contorna da Praza de Touros durante o espectáculo medieval, desde as 14 horas; ou durante o traslado do viño, afectando as rúas Santa Clara e o seu cruzamento con Cobián Roffignac e Perfecto Feijoo.

O operativo de seguridade porase en marcha entre as 10.00 horas do sábado e as 3.00 horas da madrugada do domingo

Dentro deste operativo, haberá vías de penetración e evacuación en forma de 'aspa' nas rúas Real, Sarmiento, Isabel II, Curros Enríquez, Fernández Villaverde e Michelena.

Durante todo o día haberá unha estrutura de seguridade e sanitaria que contará cun posto médico avanzado a modo de hospital de campaña no Teatro Principal e con catro ambulancias.

Este ano, por primeira vez, haberá unha UVI móbil na praza de Ourense. Ademais, outras tres ambulancias mecanizadas estarán na praza de Valentín García Escudero, entre as rúas Bastida e Michelena e na Alameda. 

Na praza de Ourense, ademais desa UVI móbil, haberá un posto fixo de Protección Civil e un Punto Violeta. 

Os bombeiros terán dúas dotacións na Praza de España a na praza Valentín García Escudero e haberá unha batería de extintores en zonas da cidade que van coñecer os equipo de seguridade e emerxencias, pero que non serán públicos para a poboación. 

A Policía Local, os Bombieros e Protección Civil teñen un equipo especial que a partir das 10.00 horas inspeccionará as mesas e todo tipo de instalacións particulares e de negocios para garantir que cumpren os requisitos establecidos pola organización, en especial, en relación coas grellas, que deben ser de carbón, estar ben illadas, instalarse nos lugares autorizados e contar con extintores.

Arquivado en