O vindeiro 1 de xaneiro comezarán a visualizarse a serie de cambios que ten programado o Concello de Vilagarcía despois de que se fixera cargo do aparcamento soterrado Xoán XXIII, na praza do mesmo nome tras a la casa consistorial.
Dende ese día, o horario de apertura será de luns a sábados, de 08:00 a 22:00 horas.
De xuño a setembro, ambos incluídos, abrirá ata as 0:00 horas.
Os domingos e festivos permanecerá pechado, como ata agora.
A diferenza con respecto ao horario herdado da concesionaria é que a partir de xaneiro abrirá tamén os sábados pola tarde e que durante o verán amplíase o servizo ata as doce da noite, todos os días, de luns a sábado.
Dende que o Concello se fixo cargo da xestión do parking notouse un incremento no seu uso, e incluso en días de mercado-martes e sábado- a ocupación chega a ser total (son 240 prazas).
Tanto as suxestións dos usuarios como a experiencia dos propios traballadores municipais levaron ao goberno a buscar a fórmula para ampliar o horario de apertura, á espera de que a compra da nova maquinaria permita seguir mellorando o servizo, con apertura todos os días (incluídos, por tanto, os domingos) e con máis horas.
Ao tempo que se traballa para a licitación dese novo sistema de xestión, o goberno local ten xa moi avanzada a nova ordenanza.
Facilitará, por un lado, bonificar unha hora de uso a todos aqueles condutores que acrediten ser residentes no municipio vilagarcián, e por outro, dar forma ao acordo coa asociación de comerciantes Zona Aberta para que poidan obsequiar con vales dunha hora de parking aos clientes do comercio e a hostalería locais.
A intención do goberno local é que esta mesma fórmula se aplique no aparcamento subterráneo da Concha, que xa é de propiedade municipal, e de ser o caso, no da Praza de España, se é posible o acordo co Plan Nacional contra as Drogas para a súa adquisición.
Antes de que conclúa o ano, ao menos dez deses estacionamentos serán sinalizados cuns tótems propios nos que se indicará número de prazas e poderá consultarse tanto o plano xeral da cidade como o do Vaiapé!.
Así, os usuarios de coches terán unha información precisa de onde están e con respecto a que, e canto tempo precisarán para chegar andando ao seu destino.