Aos colexios de Monte Porreiro a pé e aos institutos en bici, próximas novidades dos Camiños Escolares

Pontevedra
29 de maio 2014

Son as principais novidades nas que se traballa de cara o próximo curso. Foron avanzadas durante a constitución do denominado Consello Municipal dos Nenos dos Camiños Escolares, composto por vinte e catro nenos dos colexios Álvarez Limeses, Barcelos, Campolongo, Doroteas, Froebel e Vidal Portela. Serán eles os que, a partir de agora, realicen as propostas que consideren oportunas para mellorar esta iniciativa

Constitución do Consello Municipal dos Nenos dos Camiños Escolares
Constitución do Consello Municipal dos Nenos dos Camiños Escolares / Mónica Patxot

"Eu ía a un colexio que estaba a quilómetro e medio da casa. Na miña época íbamos todos andando e non saímos tontos de todo".

Con esta pequena broma, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, dirixíase aos vinte e catro nenos dos colexios Álvarez Limeses, Barcelos, Campolongo, Doroteas, Froebel e Vidal Portela, que desde este xoves compoñen o denominado Consello Municipal dos Nenos dos Camiños Escolares. Serán eles os que, a partir de agora, realicen as propostas que consideren oportunas para mellorar esta iniciativa.

E na súa primeira sesión de traballo xa fixeron unhas cantas. Entre elas, contar con máis vixiantes, buscar máis comercios que se adhiran a esta iniciativa, intensificar o control sobre os condutores que non respectan as zonas de aparcamento, peonalizar Alfonso XIII, ampliar os horarios para que se cubran o Plan Madruga, os comedores escolares e as actividades extraescolares ou colaborar con Poio para axudar aos nenos que viven máis aló da ponte da Barca.

O Concello de Pontevedra e a Policía Local comprometéronse a analizar estas suxestións realizadas polos nenos e nenas destes seis colexios e todas as que se reciban a partir de agora, xa que este Consello Municipal reunirase de forma periódica. Na súa constitución estivo presidido, ademais de polo alcalde, pola concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva, e o xefe da Policía Local, Daniel Macenlle.

Todas elas sumaranse ás novidades nas que xa traballa o goberno municipal de cara ao próximo curso escolar. Os Camiños Escolares ampliaranse aos colexios situados no barrio de Monte Porreiro e estudaranse fórmulas para que tamén os centros educativos das parroquias do rural conten cunha iniciativa similar. E os institutos da cidade contarán tamén con Camiños Escolares, pero serán itinerarios para ir en bicicleta.

Tanto Carme da Silva como Miguel Anxo Fernández Lores mostraron a súa satisfacción polo bo funcionamento deste programa que permite que os nenos dos colexios da cidade poidan ir sos a clase. "Cremos que ir sós ou quedar cos amigos para ir andando tranquilamente pola cidade é bo para a saúde, axuda a que sexades máis independientes, mellora a relación entre vós e chegades ao colexio más espabilados", sinalou o alcalde.

Aínda que recoñece que na súa época escolar había menos coches que agora, Fernández Lores insistiu en que "hai que perder o medo" a que os nenos vaian sos ao colexio porque asegura que coa transformación urbana realizada en Pontevedra nos últimos anos "os perigos son os mínimos posibles". Destacou principalmente que haxa menos vehículos, que reduzan a súa velocidade ou as actuacións que se levaron a cabo en rúas e calzadas.

Ao término desta sesión constitutiva do Consello Municipal dos Nenos dos Camiños Escolares, todos os colexios participantes recibiron un diploma que acredita aos seus alumnos como os verdadeiros protagonistas dunha iniciativa que, segundo destaca o Concello de Pontevedra, espertou o interese de numerosas cidades españolas por exportala aos seus respectivos centros escolares.

Arquivado en