A Federación de Profesionais e Autónomos de Galicia, está recibindo numerosas queixas de socios e outros non asociados, debido ao sistema de axudas ofertado desde a Xunta de Galicia.
José Conde, presidente desta Federación, asegura que a maioría das queixas veñen dadas polos que solicitan axudas para crear ou mellorar os seus establecementos, ou para a contratación de persoal, acolléndose a ordes establecidas desde a Xunta de Galicia, "que en raras ocasións chéganse a resolver favorablemente a favor dos solicitantes, malia cumprir todos os requisitos esixidos".
ÿs autónomos solicitantes parécelles "unha tomadura de pelo"
Segundo este colectivo profesional a resposta da Xunta "ven sendo o silencio administrativo e pasados seis meses adoita chegar unha carta desestimando a súa solicitude por falta de orzamento". Isto aos autónomos solicitantes parécelles "unha tomadura de pelo" e séntense enganados pola administración, pois "non recibindo ningunha axuda supón máis gasto para realizar o trámite da solicitude correspondente".
Son algunhas das queixas que habitualmente chegan ás oficinas da Organización de Autónomos de Galicia, "e isto vai en aumento" cando saen ofertas como a última para emprendedores, 50 euros ao mes de pago á Seguridade Social durante os seis primeiros, aos menores de 30 anos.
"Malia a situación económica e de non realizar os recortes onde deben realizalos, séguennos tomando por idiotas, este é o comentario xeneralizado dos autónomos", sinala José Conde.
Desde a Federación de Profesionais e Autónomos de Galicia pregúntanse, como é posible que pechen empresas de autónomos con máis de 20 anos de antigüidade por falta de apoios económicos e outras axudas, que non aproben as leis necesarias ou non fagan cumprir as existentes "e logo preténdase que quen non ten experiencia algunha emprenda en seis meses, porque lle regalen a cota da seguridade social durante ese periodo".
A esta crítica engaden unha reclamación pola "pouca consideración cara ás organizacións representativas, que para nada son consultadas antes de aprobar decretos ou leis que afectan ao colectivo".