O Mosteiro de San Xoán acolleu este sábado a xornada temática 'Tambo: a illa soñada, a illa posible', onde repasaron a historia da illa, fixeron un análise do presente y propuxeron medidas e actuacións para garantir o seu futuro.
No acto participaron diferentes expertos, que mostraron a súa visión sobre o enclave da ría de Pontevedra. Entre eles estivo o arquitecto Sergio Portela, que expuso a súa obra, composta de 21 carteis con información sobre Tambo.
A programación iniciouse coa inauguración da mostra de Portela, antes das intervencións de Mariano Lastra, profesor da Facultade de Ciencias do Mar, Gonzalo Méndez, doutor en Xeografía, o historiador Xosé Fortes e Claudio Quintillán, representante do colectivo Irmandade Illa de Tambo.
A concelleira de Turismo, Silvia Díaz, foi a encargada de abrir o acto no que destacou a importancia de "traballar en proxectos viables que perduren no tempo". De seguido, Gregorio Agís, titular de Promoción Económica e presidente da Comisión de Seguimento da Illa de Tambo, incidiu na importancia de "buscar os instrumentos axeitados para garantir a apertura deste enclave para a veciñanza".
Todas as conferencias e faladoiros retransmitíronse vía online a través do canle de Youtube do Concello de Poio e ao redor de 200 persoas conectáronse ao streaming, e puideron deixar preguntas e dúbidas no chat para que responderan os expertos.
Nas intervencións, Gonzalo Méndez e Mariano Lastra falaron de aspectos vencellados á riqueza medioambiental, da fauna e da calidade dos seus fondos mariños, mentres que Xosé Fortes e Claudio Quintillán falaron do pasado e da evolución que experimentou Tambo co paso dos séculos, referíndose aos asentamentos existentes en diferentes épocas e ás lendas vencelladas con este enclave.
No acto estiveron representados todos os grupos da Corporación municipal e tamén asistiron o alcalde, Luciano Sobral; o Comandante-Director da Escola Naval de Marín, Ignacio Cuartero; o subdelegado de Defensa en Pontevedra, Miguel Constantino Cortés, e a xerente do GALP Ría de Pontevedra, Laura Nieto, ademais de representantes das agrupacións que forman parte da Comisión de Seguimento: APDR, a Confraría de San Telmo, Amecomra, a AVCR Combarro e Irmandade Illa de Tambo.