"Ao mellor transmitimos a sensación de que rematara a pandemia cando chegou a desescalada"

Pontevedra
14 de outubro 2020

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, compareceu en rolda de prensa este mércores xunto a varios membros do comité clínico de expertos da comunidade. Precisamente un dos seus membros, Tato Vázquez Lima, coordinador de Urxencias do Salnés, quixo "pedir desculpas"

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña / Xunta de Galicia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, compareceu en rolda de prensa este mércores xunto a varios membros do subcomité clínico de expertos da comunidade, precisamente un dos seus membros, Tato Vázquez Lima, coordinador de Urxencias do Salnés quixo "pedir desculpas" porque nos meses de maio e xuño "ao mellor transmitimos a sensación de que rematara a pandemia cando chegou a desescalada, que todos podiamos facer vida normal". 

Segundo o doutor Vázquez Lima "a mensaxe non se interpretou ben" por iso quixo insistir en que "o virus convive con nós e vai seguir moito tempo".

Pola súa banda o conselleiro de Sanidade explicou as novas restricións que entrarán en vigor na medianoite do mércores ao xoves derivadas da situación epidemiolóxica que vive Galicia cunha incidencia acumulada no últimos sete días de 81,46 fronte aos 128 casos por 100.000 habitantes da media nacional.

Con carácter xeral limitaranse as reunións a un máximo de dez persoas.

Segundo detallou o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores, "a medida establecerase para grupos de persoas e non para aforos, os aforos continuarán a ser os establecidos para toda Galicia". É dicir, afecta a calquera encontro familiar ou social, excepto no caso de conviventes. As excepcións serán aplicables nas actividades laborais, educativas, de formación regrada e administrativas.

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, sinalou que este mércores comezou o cribado en residencias universitarias de Santiago, que se estenderá a todas as universidades de Galicia.

"A medida de pechar bares en toda a comunidade creo que non é proporcionada ao que temos a día de hoxe"

Sergio Vázquez Estévez, médico do hospital de Lugo e membro do comité clínico de seguimento do covid en Galicia insistiu en que "hai que intentar non facer festas mentres non pase todo isto, sei que é duro que é moi difícil sobretodo nesta idade pero hai que facer un exercicico de responsabilidade". 

"Se somos responsables non teremos problemas serios despois, esa é a realidade e é o que intentamos facer en Galicia. Coa chegada da segunda ola, en Chequia xa se platexa unha volta ao confinamento. Creo que non temos que chegar a esta situación", dixo. 

Finalmente o conselleiro de Sanidade anuncia que se está elaborando un protocolo específico para o Día de Defuntos e puntualizou que "a medida de pechar bares en toda a comunidade creo que non é proporcionada ao que temos a día de hoxe", apuntando que "somos máis partidarios de medidas cirúrxicas. Non momento actual en moitos concellos esa medida non procede".