A plataforma de afectados polas preferentes de Marín-Pontevedra concentraranse este sábado, a partir das 10:30 da mañá, ante a sede principal de Novagalicia Banco. Apuntan que é unha "coincidencia", pero é que ese día, e a esa hora, o Partido Popular celebra o seu congreso provincial, no que Rafael Louzán, como único candidato, revalidará o seu cargo como presidente provincial.
A este cónclave do PP está previsto que acoda o presidente de la Xunta, Alberto Núñez Feijóo e uns mil participantes.
Desde as Plataformas de Afectados polas Preferentes e Subordinadas consideran que as declaracións do pasado 8 de marzo de Louzán, son "un cúmulo de despropósitos e mentiras e todo un alarde de demagoxia que nada aporta a resolución do problema da estafa masiva".
Nun manifesto emitido por esta Plataforma sinalan que "o nerviosismo dos dirixentes do Partido Popular, acurralados polas súas propias mentiras e promesas electorais incumpridas, ante a inminencia do previsible estoupido social que vai provocar a aplicación do Real Decreto Lei 24/2012 por parte do goberno do Estado e que impedirá a recuperación do 100% dos aforros dos estafados".
"Saben tamén moi ben todos os políticos, que a nosa demanda é xusta e por iso debe ser atendida e non saír pola tanxente querendo escorrer o vulto dicindo que as protestas están politizadas e que os estafados non son os manifestantes, digo, perdón, que os manifestantes non somos xente estafada", apuntan os voceiros desta Plataforma.