Echegaray, Alfonso XIII e a avenida Raíña Vitoria afrontarán nas próximas semanas novos cambios en materia de mobilidade. Segundo anunciou o concelleiro de Infraestructuras, César Mosquera, trátase dun ámbito urbano que tras as medidas aplicadas a principios deste ano funciona "medianamente ben", pero onde os datos de intensidade do tráfico recollidos pola Policía Local "non son os óptimos".
En Echegaray, sumados os condutores que chegan dende a Subdelegación e dende a rúa Alameda, San Roque ou Raíña Vitoria, rexístranse actualmente uns 10.000 vehículos diarios, fronte aos máis de 17.000 de hai uns meses. Un dato aínda "excesivo", segundo o goberno municipal, para unha zona na que se sitúan varios centros escolares, a biblioteca municipal ou o ambulatorio Virxe Peregrina.
Pero as novas restricións nesta rúa non serán na circulación, senón nos aparcadoiros. Todo o ámbito do ambulatorio quedará reservado para usos sanitarios. Na beirarrúa máis próxima ao centro haberá unha praza para ambulancias e dous para os médicos que realizan atención domiciliaria; mentres que os espazos para persoas con discapacidade se trasladarán á beirarrúa esquerda. Serán catro máis unha adicional para a atención domiciliaria.
Xunto a esta actuación en Echegaray, Mosquera anunciou a inminente peatonalización de Alfonso XIII, recordando que é unha medida que demandaron os colexios Doroteas e Froebel. Explicou que se trata dunha "solución doada", debido a que cos cambios en Echegaray xa ten 'de facto' un uso case exclusivamente peonil. Non se realizarán obras e simplemente sinalizarase visualmente a preferencia da mobilidade a pé.
NOVOS 'LOMBOS' EN RAÍÿA VITORIA
Os cambios físicos máis evidentes produciranse na avenida Raíña Vitoria. Tras o corte de tráfico que provocarán as festas de agosto todos os seus pasos de peóns elevaranse cos correspondentes 'lombos'. Mosquera sinalou que esta rúa é a que máis atropelos rexistra (4 en 2013) da cidade e a situación do instituto Sánchez Cantón obriga, dixo, a extremar as precaucións e calmar aínda máis a velocidade do tráfico.
Neste sentido, avanzou que toda a rúa, dende a Audiencia Provincial ata a rotonda de San Roque, sinalizarase como zona residencial. ÿ dicir, os vehículos non poderán circular a máis de 20 km/h. César Mosquera destacou que, polo momento, non se prevén outras medidas excepcionais, xa que recordou que en todo este ámbito os monitores dos Camiños Escolares xa están instruídos para interromper o tráfico cando sexa necesario para facilitar o tránsito peonil.